PROMOCIÓN ECONÓMICA

Medio milleiro de persoas asiste ás II Xornadas técnicas sobre os programas experimentais de inserción laboral

15/03/2007 O Palacio de Congresos de Santiago acolle as II Xornadas técnicas sobre os programas experimentais de inserción laboral: claves para a innovación na orientación profesional e laboral nun mundo globalizado. Unhas mil persoas participan neste seminario.

Nas xornadas, inauguradas polo secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, e polo concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, participan orientadores laborais, persoal técnico, axentes de emprego e desenvolvemento local, titores de inserción, docentes de Formación Profesional, persoal de programas de emprego e estudantes de areas profesionais relacionadas co mundo laboral de toda Galicia.

Na súa intervención, Xosé Manuel Iglesias, sinalou que "a orientación e a intermediación nas políticas activas de emprego por parte das distintas administracións adquiren un papel central como instrumentos para a integración nun mercado de traballo globalizado e segmentado". Segundo explicou, "para poder moverse neste mercado laboral é necesario unha permanente formación e adecuación á nova realidade global". Asegurou que "estamos nun momento de gran dinamismo do mercado laboral, no que máis que nunca se formulan novas propostas, no que as administracións e os axentes económicos e sociais fan achegas ao que debería ser o modelo de servizos públicos para o emprego".

O concelleiro engadiu que é importante que as xornadas "axuden a identificar as virtualidades da colaboración e a concertación entre as administracións e os axentes económicos e sociais para a mellora do crecemento e o emprego; identifiquen as dinámicas e recursos que desenvolvan a empregabilidade, aumenten as oportunidades de traballo e impidan todas as formas de discriminación das persoas que teñen que enfrontarse a dificultades especificas no mercado de traballo". Tamén apuntou como obxectivos a identificación de accións para mellorar o proceso orientador; a distinción de modelos de intermediación baseados na territorialización e na calidade; a detección das fortalezas da creación, a nivel local, de redes de cooperación; e a asunción de cambios na xestión de ofertas e no seu seguimento ata o peche.

As xornadas divídense en catro obradoiros de traballo: innovación no proceso orientador, innovación na Coordinación de axentes de orientación, innovación na intermediación laboral e innovación na inserción laboral nun mercado globalizado.

Compartir: