URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente as obras de restauración da fachada da rúa Fonseca da Catedral de Santiago

16/02/2021 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, as obras de restauración da fachada da rúa Fonseca da Catedral, solicitadas pola Fundación Catedral de Santiago. Os traballos contan cun orzamento de execución material de 130.829,85 euros.

As actuacións previstas no proxecto, contemplan, entre outras, as seguintes intervencións: levantado de instalacións obsoletas (eléctricas, de telefonía, etc.); eliminación e desmontaxe de corpos estraños (fábricas de ladrillos, retacados, apoios, de viguetas, etc.); levantado de carpintería en muros; levantado de ata tres filas de cubrición de tella cerámica curva en coroación de fachada; limpeza de fachada con eliminación de bioloxía vexetal; selado de gretas e fisuras en material pétreo; reposición puntual de piedra en zonas de paramentos esculturados ou moldurados; impermeabilización de superficies; e substitución ou restauración da ventá ou balconeira de madeira.

A intervención non producirá modificacións no volume do monumento, xa que se conserva a configuración física dos elementos. Sobre a fachada sur do claustro prevese a restauración das fábricas e dos elementos decorativos das mesma. Tamén se restaurarán elementos de carpintería, os enreixados e o canlón oculto de recollida de augas da cuberta, coas súas gárgolas, así como a cheminea de fábrica de cantería.

Non obstante, nese informe favorable da comisión asesora, establécense varias condicións. Entre elas, empregar a mesma cor que no acabado exterior das ventás, que a do resto de carpinterías de madeira da catedral; ou a conveniencia de incorporar mallas ou reixas anti-paxaros no remate das tellas de cuberta para evitar a entrada de aves no espazo baixo cuberta.

Por outra banda, e á vista do mal estado de conservación da cornixa ou imposta inferior de fachada na esquina sur- oeste do claustro (na fronte que mira cara á Rúa do Franco e Praza do Obradoiro, actualmente colonizada pola vexetación), desde a comisión asesora recomendan que se aproveite a intervención prevista na fachada sur da Rúa de Fonseca para limpar e impermeabilizar dito elemento de fachada en continuidade coa da fachada sur do claustro.

Aparcamento de San Clemente
A Comisión Asesora do Patromonio Histórico tamén informou favorablemente sobre o "Proxecto básico e de execución de acondicionamento do aparcamento público soterrado San Clemente -Plaza do Obradoiro", para subsanación de deficiencias no ámbito da accesibilidade, que conta cun orzamento de execución material de 241.691,21 euros.

A solicitude contempla, entre outros, a realización dos seguintes traballos: obras de accesibilidade no exterior do edificio, cun itinerario accesible que comunica a rúa cunha entrada principal ao edificio, incluíndo un novo acceso ao aparcamento con ascensor sobre a terraza exterior; dotarase cunha praza de aparcamento accesible por cada 33 prazas de aparcamento ou fracción (serían 17 prazas en total); adaptarase o mobiliario do punto de atención ao público existente para facelo accesible; e os interruptores, os dispositivos de intercomunicación e os pulsadores de alarma serán mecanismos accesibles. Todas estas reformas reducirán as prazas de aparcamento das 580 actuais a 567.

Entre as condicións da comisión asesora figura o emprego dos mesmos materiais e acabados que os existentes; e a restauración da actual cuberta metálica do núcleo de escaleiras obxecto de ampliación para a colocación do ascensor, eliminando o óxido e renovando o acabado de pintura.

Por outra banda a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico deu o visto bó á intervención solicitada por Vodafone Towers Spain, referente á modificación da estación base de telefonía móbil situada na rúa de Touro, que contaría cun orzamento de execución material de 7.290,56 euros. A solicitude presentada afecta a un inmoble non incluído no catálogo de protección e comprende a realización de obras exteriores de reforma na instalación de telefonía móbil existente, co obxecto da súa compartición cunha nova operadora, que producirán un pequeno aumento nas dimensións da instalación preexistente.

Na reunión de hoxe, que se celebrou vía telemática, tamén se deu luz verde á reforma dunha edificación auxiliar na parte traseira dun inmoble situado na Rúa da Fonte de Santo Antonio; á rehabilitación dunha vivenda e á construción dunha edificación auxiliar no Campo de Santo Antonio; e á colocación de rótulos (placa e bandeirola) na fachada dun restaurante localizado na Rúa do Franco.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Técnica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: