URBANISMO

O alcalde e o vicepresidente primeiro da Xunta visitan a parcela cedida polo Concello para a construción da nova sede do Imelga

16/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitaron esta mañá os terreos nos que se construirá a nova sede do Imelga. A parcela, de 2670 metros cadrados de edificabilidade, foi cedida polo Concello á Administración autónomica e atópase no barrio das Fontiñas.

Esta parcela acollerá o novo edificio do Imelga, duns 2500 metros cadrados, que contará cunhas instalacións onde prima a seguridade coas salas de autopsias de bioseguridade BSL3. O obxectivo das mesmas é garantir a protección do persoal do Imelga na realización de autopsias de vítimas de enfermidades de transmisión respiratoria. Con estas salas os profesionais poderán traballar nas mellores condicións e ter garantida a súa protección ante a exposición de axentes transmisibles por aerosois que poden causar enfermidades de transmisión respiratoria como a covid-19, xa que as salas estarán dotadas de todo o equipamento e mobiliario específico e incluirán características técnicas especiais relacionadas coa ventilación e a descontaminación como presión negativa ou filtros de aire de alta eficacia (HEPA).

A previsión da Xunta é que este ano se leve a cabo a redacción do proxecto para que as obras dean comezo no 2022. Ambos mandatarios destacaron na visita a importancia da colaboración interadministrativa, que está a permitir a posta en marcha dun proxecto tan relevante para a cidade.

A nova sede, que albergará a dirección do Imelga e a subdirección territorial de Santiago de Compostela, contará con oficinas, consultas, espazo para arquivos e para o acceso dos furgóns mortuorios ou cámaras frigoríficas mortuorias, entre outras dependencias.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) dispón na actualidade de sete subdireccións nas sete cidades galegas e concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Entre o seu persoal, conta con médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios administrativos e auxiliares de autopsia.

Compartir: