ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Reabrir o debate sobre o trazado do AVE suporía unha total irresponsabilidade que recaería sobre os que a aceptaran"

15/03/2007 O alcalde compostelán expresou o seu rexeitamento ás manifestacións realizadas polo presidente da Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), Antonio González Marín, na súa comparecencia parlamentaria, sobre a posibilidade de modificar o trazado do AVE ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón, Sánchez Bugallo, considera que aceptar a posibilidade de reabrir este debate "suporía unha total irresponsabilidade que recaería sobre os que a aceptaran".

Ante estas manifestacións, o alcalde lembrou que "o trazado actual do AVE entre Santiago e Ourense, e especificamente o seu paso polos Concellos de Vedra e Boqueixón, foi resolto no ano 2003, despois dun amplo debate e de considerar todos os aspectos do mesmo". Naquel momento a posición do Concello de Santiago "foi a de aceptar calquera das posibilidades manexadas, sempre que isto non provocase ningún retraso", indicou.

Por todo isto, a xuízo de Sánchez Bugallo, "que o presidente de Adif reabra o debate catro anos máis tarde -coa obra xa contratada e en pleno proceso de execución- supón un intento de xustificar o feito de deixar esta liña de alta velocidade sen data previsible de remate e pasarlle esta responsabilidade ás instancias autonómicas".

O rexedor compostelán estima que "reconsiderar este trazado suporía abrir un novo proceso con estudo de impacto ambiental, sometemento á exposición pública (o que resultaría inevitablemente conflitivo), resolución de alegacións, contratación e redacción dun novo proxecto de obras antes de chegar ao punto no que nos atopamos hoxe. Polo tanto suporía un atraso mínimo de tres anos e posiblemente de catro ou cinco. En ningún caso o tramo Santiago-Ourense podería estar operativo antes de 2013 e con toda probabilidade non o estaría ata o 2015".

"Confío en que os grupos parlamentarios, e moi especialmente o propio Goberno galego e o seu presidente, non caian na trampa que suporía dar por bo un retraso adicional de varios anos na conexión de Galicia e do Eixo Atlántico coa liña de alta velocidade, unha responsabilidade que sería imputada aos propios galegos", apuntou. Sánchez Bugallo considera como solución máis sensata "que o presidente de Adif trate de rematar as obras co menor retraso posible e non introduza novos elementos que só poden ser útiles para acumular maiores retrasos".

Compartir: