XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local acorda a execución forzosa das medidas de seguridade requeridas para as persoas e bens, ante a situación na que se atopa o muro do Pombal

12/02/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, baseándose nos informes técnicos emitidos con relación ao colapso e situación do noiro de remate da finca localizada na rúa do Campo do Cruceiro do Gaio, acordou a execución forzosa das medidas de seguridade requeridas para as persoas e bens, dada a situación actual de perigo no muro do Pombal e da urxente necesidade de acometer obras para solventala. Hoxe mesmo se produciu un novo desprendemento.

Polo tanto, ordéase que, polos servizos muncipais competentes (Tráfico, Seguridade Cidadá, Obras e Proxectos e Urbanismo) se adopten con carácter de emerxencia, as medidas que procedan no senso dos informes técnicos emitidos para evitar a situación de perigo para as persoas e bens existente, incluído as contratacións externas que procedan nos termos do disposto no artigo 120 da Lei de contratos do sector público.

A resolución obedece á situación na que se atopa o noiro de remate da citada finca, en deficientes condicións de seguridade. O departamento de arquitectura municipal xa informara o pasado 26 de outubro, despois do desprendemento de bloques rocosos en novembro de 2019. Ese informe, coa situación do muro e as medidas a adoptar, trasladóuselle aos propietarios en novembro pasado; sinalando que era necesaria a execución de obras para garantir a seguridade, como movementos de terras, cimentacións, muros de contención, cerraxería e acondicionamento vexetal. Os dous propietarios presentaron alegacións.

Ante esta situación, o concello solicitou informe de arquitectura municipal que o emite previa inspección. Una inspección que deu lugar a que, por decreto do pasado día 3 de febrero, se resolvera rexeitar as alegacións presentadas polos propietarios e ordear, baixo apercibimento de execución forzosa, que nos prazos sinalados a contar dende o seguinte día ao recibo da notificación procederan a realizar as actuacións sinaladas:

1.- No prazo máximo de 10 días: limpeza e retirada de axentes vexetais e retacado do muro, se procede. No caso de risco inminente para a seguridade das persoas, deberán adoptarse as medidas de emerxencia oportunas baixo dirección técnica (retirada de elementos con perigo de caída a vías públicas con acopio dos materiais no interior da parcela, valado e sinalización da zona afectada,...), notificándoo de inmediato ao Concello de Santiago de Compostela.

2.- No prazo máximo dun mes: deberá presentarse un estudo asinado por un técnico competente onde se certifiquen as condicións de seguridade dos muros e noiros das frontes da parcela á rúa do Pombal e Travesía de Cruceiro do Gaio. Alternativamente poderán presentar un proxecto de consolidación redactado por técnico competente onde se recollan as medidas necesarias para garantir a seguridade dos muros e noiros das frontes da parcela á rúa do Pombal e Travesía de Cruceiro do Gaio.

A resolución notificouse a dous dos propietarios o 5 e o 10 de febreiro, respectivamente. Pero, hoxe, 12 de febreiro de 2021, produciuse un novo desprendemento. Unha vez inspeccionado por parte do arquitecto municipal, éste informa que se observan, entre outras, as seguintes deficiencias: o muro de contención presenta un estado de conservación deficiente, o terreo posterior á zona colapsada atópase en situación de risco inminente de corremento; obsérvanse fendas e falta de cohesión nas fabricas de pedra; e hai risco de caída de árbores.

O informe do técnico conclúe que, ante o progresivo deterioro do muro e noiro da parcela nas súas frontes á rúa do Pombal e travesía do Campo do Cruceiro do Gaio, deberán levarse a cabo as seguintes actuacións:

- En toda a fronte da rúa do Pombal deberá limparse e eliminar calquera tipo de vexetación dunha franxa de largo mínimo 5 metros.

- Deberá realizarse un retaluzado da fronte do Pombal (agás a esquina onde permanece parcialmente o muro de contención).

- Deberá apuntalarse o muro de contención que aínda permanece en pé no canto norte do Pombal. Antes do apuntalamento deberá realizarse a limpeza do muro, retirando ademais aqueles elementos que puideran estar soltos ou con risco de desprendemento (especialmente na zona de cabeza e no extremo ca zona colapsada). Todo o material retirado, incluso o xa colapsado, deberá ser acopiado no interior da parcela, ao tratarse o muro dun elemento catalogado.

- Deberá procederse á limpeza do muro de peche na fronte coa Travesía do Cruceiro do Gaio, procedendo á posterior desmontaxe do mesmo, co acopio do material no interior da parcela, co fin de poder ser reconstruído unha vez poidan garantirse as condicións de estabilidade do terreo.

Os traballos deberán comezar de inmediato. De non poderse executar as obras propostas nun prazo de 48h, proponse o peche do tráfico rodado na Travesía do Campo do Cruceiro do Gaio, co obxectivo de limpar a finca a proceder a realizar as actuacións de emerxencia que non se teñen realizado polos propietarios; tal e como se lles informou no decreto de 27 de outubro de 2020 polo que se iniciou o expediente.

Neste decreto, advertíaselle de que, de precipitarse a situación e en caso de urxencia informada polos técnicos municipais como ten acontecido, levaríanse a cabo as actuacións necesarias para a asegurar a vía pública.

Documentos relacionados



Compartir: