REHABILITACIÓN

A rehabilitación integral dos barrios, a debate en Compostela

15/03/2007 Os días 22, 23 e 24 de marzo celebraranse en Santiago as xornadas "Barrios en (re)construción. Novas ideas para a rehabilitación integral dos barrios na cidade futura". A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, presentou este evento, que se enmarca no proceso de cualificación de áreas de rehabilitación integral (ARI) no que está a traballar o Concello.

Estas xornadas pretenden servir de reflexión sobre a cidade e as súas problemáticas de organización dende a perspectiva da unidade territorial e social que representan os barrios. Para falar deste tema estarán en Compostela destacados ponentes nos diversos ámbitos contemplados, tales como a arquitectura, a xeografía, a historia ou a arquitectura. O Goberno local destinou 9.250 euros a estas xornadas.

Tal como indicou Mercedes Rosón, as xornadas serán unha oportunidade para que "os cidadáns coñezan as políticas de rehabilitación das distintas administracións" e o mellor modo "de por en contacto" aos técnicos da materia. A concelleira remitiuse á experiencia santiaguesa nesta materia, coa posta en marcha da ARI de Vista Alegre, a próxima de Pontepedriña (grupos Cardenal Quiroga e Compostela) e a futura dunha área que vai dende A Almáciga ata a Avenida de Lugo.

Sobre esta última, Rosón indicou que se están a realizar os estudos económicos e a contactar cos veciños para solicitar a súa declaración como ARI. Afectará a 2.000 vivendas construídas entre os 60 e os 70 e afrontarase en dúas fases, con 1.000 vivendas cada unha delas.

Respecto á ARI de Vista Alegre, a concelleira anunciou que en breve se asinará o convenio que permitirá acceder ás axudas e por en marcha as obras. Neste barrio crearase unha unidade de xestión para tramitar estas axudas e asesorar aos seus beneficiarios. Respecto a Pontepedriña, estase pendente da declaración como ARI da Consellería de Vivenda.

Conferencias e experiencias

Volvendo ás xornadas, estas porán de relevo a "importancia dos barrios como entidade territorial", destacou o arquitecto da OCIHR, Javier Fernández". En particular, segundo o coordinador do evento, o xeógrafo José A. Aldrei, abordarase "a recuperación arquitectónica, social e funcional" destes barrios.

As sesións comezarán o xoves 22 de marzo no Paraninfo da Universidade de Santiago (Facultade de Xeografía e Historia). Nese día, ademais de dúas conferencias, haberá unha saída de campo para visitar os barrios de Compostela, e un cinema fórum, coa proxección de "En construción", de José Luís Gorín. A segunda xornada, no Centro Sociocultural de Vista Alegre, dedicarase a analizar o caso galego, e o compostelán en particular, na rehabilitación de barrios. A última xornada, tamén en Vista Alegre, exporanse dúas experiencias catalás e extraeranse as conclusións "para unha nova cultura urbana".

As entidades que colaborarán na organización son a Oficina de Cidade Histórica e Rehablitación (OCIHR), a Deputación da Coruña, a Facultade de Xeografía e Historia da USC e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago. Tamén colaboran outras entidades como Proxecto Abalar, Obradoiro de Ideas Urbanas e Territoriais (OIUT) e o Colexio de Xeógrafos.

Documentos relacionados



Compartir: