ALCALDÍA

Arrancan as reunións cos sectores máis afectados pola pandemia para a posta en marcha da terceira convocatoria de axudas

05/02/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou en rolda de prensa que a semana que vén se reunirá coas entidades representantes dos sectores que máis de preto están a sufrir as consecuencias da pandemia para pór en marcha un terceiro plan de axudas. Tamén se referiu, na súa comparecencia semanal dos venres, ao recén asinado convenio para a construción da EDAR.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou en rolda de prensa, que o convenio asinado esta mañá entre Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), Augas de Galicia, e o Concello para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta (EDAR); "é un moi bó acordo, no escenario no que estamos". O rexedor compostelán avanzou que en tres meses está prevista a adxudicación das obras; que prevé comecen en 2022 e rematen en 2025. A data de entrada en funcionamento, se todo transcorre segundo o previsto, sería en 2026.

Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción co convenio asinado, xa que, "un dos grandes cinco temas da cidade, que o Pleno da Corporación, en xullo de 2019, definiu como prioritario neste mandanto, queda encamiñado e espero que non se volva torcer". Recordou que o investimento nesta infraestrutura, que cualificou de "imprescindible", supera os 56 millóns de euros. Desta cantidade, o Fondo Reconstrución da Unión Europea aportará un 65%, é dicir, algo máis de 36,5 millóns de euros, Augas de Galicia, case 11 millóns, e o concello de Santiago, aproximadamente 8,5 millons de euros, aos que hai que engadirlle o 21% de IVE, xa que computan como investimento.

Sinala Sánchez Bugallo que "demos un paso decisivo, que é a financiación da construción e a súa posterior explotación". "Haberá quen diga que podía ser mellor, pero a estas alturas debemos estar ben contentos e agradecidos de acadar un convenio no que obtemos unha subvención para financiar o investimento do 84% do seu custe".

Para o rexedor, "foi unha moi boa negociación" despois de perder dúas convocatorias de fondos FEDER, con 40 millóns asignados na convocatoria de 2007/2013, "e os 31 millóns de euros previstos e reservados na de 2014/2020". Esta terceira, engadiu, "era unha oportunidade que non podemos desaproveitar". O alcalde agradeceu o apoio "e atención permanente" recibido "tanto por parte de ACUAES, como da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, como da propia Xunta de Galicia. Creo que é un tema moi relevante para Santiago".

O alcalde recordou que a depuradora da Silvouta, "depura as augas de Santiago e de boa parte do Milladoiro", e que a tecnoloxía da actual estación "quedou obsoleta", despois de case 40 anos de funcionamento, "un periodo de vida moi elevado". Sánchez Bugallo lembrou que se acometeu "un investimento de algo máis de catro millóns de euros durante o mandato pasado, para permitir prolongar esa vida útil outros 5 anos máis, pero as condicións siguen sen ser idóneas".

Segundo explicou o alcalde, "a súa capacidade de depuración está prevista para pouco máis de cen mil persoas", polo que resulta "insuficiente" para atender as necesidades de Santiago e de parte do Milladoiro. Iso, continuou, ten un efecto negativo " sobre o estado do río Sar no seu percorrido a partir da Silvouta, e na ría de Arousa, onde acaba desembocando.

COVID
Sobre os datos de contaxios por COVID, recordou que onte eran 678 casos activos en Santiago, despois da acadar o punto máis alto da curva os días 26 e 27 de xaneiro, cando se chegou aos 746 contaxios. Desde esas datas "hai primeiro unha estabilización, e despois un deslizamento á baixa. Entramos nunha curva descendente a un ritmo moderado, pero apreciable", cun 10% de casos menos en 9 días".

Sánchez Bugallo tamén informou que a Xunta de Galicia solicitou as instalacións de Amio para facer un novo cribado a 12.000 persoas de entre 46 e 55 anos de Santiago e de Ames. Reiterou que o recinto feiral "está posto a disposición da Consellería de Sanidade e do Sergas, e espero que funcione igual ou mellor que a semana pasada".

O alcalde valorou positivamente a axilidade coa que se desenvolveron as probas da pasada fin de semana; pero espera superar "ese 69% de persoas que asistiron" á anterior convocatoria. Pediu desculpas por se alguén se sentiu doido por dicir que lle parecía "impresentable" que non se presentaran 3.000 persoas. "Todos os que teñen causa xustificada, absoluto respecto", pero 3.000 é unha cifra, continuou, "inaceptable, e espero que na convocatoria deste fin de semana non suceda o mesmo e a gran maioría acuda a esa cita, e iso lles sirva para garantir a súa situación e tamén a seguridade dos que os rodean".

Sobre as novas convocatorias de axudas ao sectores máis afectados, a nivel económico, polas restriccións anticovid, o alcalde avanzou que "estamos comezando a rolda de conversas para recabar as opinións das asociacións representativas", e que o martes está previsto unha xuntanza coas asociacións de comerciantes. "Está habendo reunións coa hostalería, e tamén se farán cos colectivos do ámbito cultural para ir preparando a terceira convocatoria de axudas". A intención do concello, afirmou, sería sacala na segunda quincena de marzo ou primeira quincena de abril.

PLENO
O rexedor tamén avanzou que está prevista a celebración, o venres 12 de febreiro, dun pleno extraordinario, para aprobar o convenio polo que o concello se fai cargo da xestión da nova estación de autobuses, a través da sociedade municipal TUSSA.

Outro punto previsto na orde do día, sería, explicou Sánchez Bugallo, a aprobación dos créditos necesarios para a adquisición dun 31% adicional das accións da sociedade UNINOVA, "o instrumento que imos utilizar para a posta en marcha do biopolo da Sionlla. Polo tanto, o concello que actualmente ten o 49% desa sociedade, pasaría a ter o 80%".

Compartir: