PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nacen tres novas empresas no marco do Proxecto Equal Compostela Social

14/03/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou tres novas empresas creadas a través do Proxecto Equal Compostela Social. Son Alicerce, que ofrece servizos innovadores na planificación e divulgación do Patrimonio Cultural, Atalaia.Social, que realiza proxectos socioeducativos, e a galería e tenda de arte Petronio, na que tamén se imparten talleres de formación.

Alicerce, Desarrollo y Gestión de la Cultura del Entorno foi creada por un equipo de expertos que traballan nos campos da arqueoloxía, historia, etnografía, xeografía e medio ambiente. Realizan todo tipo de traballos relacionados co patrimonio cultural: xestión de recursos patrimoniais e turísticos, deseño de estratexias de desenvolvemento, formación orientada a profesionais e institucións, etc. Alicerce comezou a sua actividade o 1 de marzo e ten a súa sede no edificio do FEUGA, ubicado no Campus Sur. Segundo indicou un dos seus integrantes, o arqueólogo Leonardo González, "a empresa, que aposta polo I+D, so ten referentes semellantes en Cataluña e Andalucía".

Atalaia.Social está formada por tres educadoras sociais. Desde finais de decembro dedícase á realización de proxectos socioeducativos, programando actividades para a optimización dos procesos de socialización e educativos das persoas. Traballan directamente con nenas e nenos, mozas e mozos e persoas adultas a nas seguintes liñas de actuación: ocio e tempo de lecer, intervención social, formación e organización de eventos. En palabras dunha das educadoras, Iria García, a prevención fronte o consumo de drogas, as condutas de violencia no ámbito escolar ou a interculturalidade son algúns dos temas concretos nos que están a traballar.

Finalmente, Petronio é un espazo de arte promovido pola experta en Belas Artes Silvia Eiroa e polo pintor Juan Manuel Luis Alemany, e ubicado na rúa de San Pedro número 30 dende o 28 de febreiro. Nas instalacións véndense materiais de Belas Artes, enmárcanse cadros, impártense talleres de formación e expóñense e véndense obras de arte. Ademais, o Petronio Club de Arte facilita aos clientes iniciarse na adquisición dunha colección de obras de arte que poden abonar mediante cotas mensuais. O seu obxectivo é "achegar a arte á xente de a pé, creando un centro de arte ao que vai todo o mundo", apunta Silvia Eiroa.

28 empresas

Desde que comezou a súa andadura en novembro de 2005, no marco de Equal Compostela Social creáronse 28 empresas, 21 delas constituídas por mulleres. Vinte empresas naceron en Santiago e as outras oito no resto de concellos que participan no programa. Neste momento están a punto de presentarse outros dous proxectos empresariais.

Este programa ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora na área de Compostela a través da creación de novos proxectos empresariais. Está dirixido a colectivos de difícil inserción laboral, como mulleres, mozos, inmigrantes, emigrantes retornados, desempregados de longa duración, etc. Inclúe formación teórica e titorías personalizadas de inserción.

Compartir: