ALCALDÍA

O alcalde ve xustificadas e necesarias novas medidas para conter a terceira vaga da pandemia e chama á responsabilidade de toda a cidadanía

08/01/2021 Á espera de novas restricións por parte da Xunta de Galicia, o rexedor compostelán indicou en rolda de prensa que apoiará a decisión que se tome e que agarda que estas sexan "acertadas e eficaces" para poder frear o aumento dos casos na cidade, que chegan no día de hoxe a 298 en total.

Sánchez Bugallo lamentou o ascenso de casos na cidade tralas festas do Nadal e chamou á responsabilidade de todos, especialmente dos máis novos, ante o escenario "moi preocupante" no que entramos. "Os casos previsiblemente seguirán crecendo, alomenos, ata mediados de mes", indicou, e non só os de Compostela, senón tamén os do hinterland, "no que dez concellos teñen datos iguais ou superiores aos de Santiago".

Estas cifras indican, segundo o rexedor, que o peche só de Santiago non foi operativo e tivo un resultado moi duro para o comercio da cidade. Esta circunstancia, sumada ao peso do turismo, ten como consecuencia, remarcou, que Santiago sexa "unha das cidades de Galicia que máis está a sufrir as consecuencias da pandemia". Abundou o rexedor que "non é raro que en Santiago e Coruña sexa onde máis se está notando porque teñen un nivel de mobilidade maior" que outras urbes.

O alcalde lembrou que desde o Concello se están facendo todos os esforzos necesarios para tentar paliar os efectos das restricións nos diferentes sectores económicos, pero é consciente de "que non é suficiente" e de que "desde todas as administracións temos que facer todo o posible".

Balance do Nadal
O alcalde tamén valorou na rolda de prensa o resultado dun Nadal "cheo de claroscuros". "Creo que fixemos un gran esforzo para que as celebracións puideran ser o que podían ser nestas circunstancias" e salientou o bo funcionamento dos diferentes mercadiños, tanto o da Estrela como o de Carreira do Conde e o ubicado na rúa París, no barrio das Fontiñas.

Compartir: