CULTURA

O finés Tuomas Ollila dirixe á Real Filharmonía de Galicia

14/03/2007 O prestixioso director finés Tuomas Ollila chega ao Auditorio para dirixir á Real Filharmonía de Galicia nun concerto de corda en compañía do violoncellista italiano Mario Brunello. O programa estará composto polo "Tríptico Botticelliano", de Respighi; "Concerto para violoncello", de Rota; "Pavana para unha infanta defunta", de Ravel; e "Sinfonietta", de Poulenc. A cita é o xoves 15, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Ollila é un bo representante da xuventude musical escandinava, considerada por moitos como unha das mellores canteiras de músicos e directores en Europa. Nado en 1965 diplomouse en violín na Academia Sibelius, case á vez que comezaba estudos de dirección de orquestra da man do prestixioso profesor Jorma Panula, obtendo o seu diploma en 1991. Dirixiu tódalas orquestras das grandes cidades escandinavas, a Helsinki Philharmonic, a Swedish Radio Orchestra, a Oslo Philharmonic e a Copenhagen Philharmonic.

A súa gravacíón da "Sibelius Complete Karelia Music" coa Tampere Philharmonic obtivo o Cannes Classical Award. Nos últimos anos, debutou en Singapur e en Kuala Lumpur, ademáis de realizar unha xira por Nova Zelanda coa New Zealand Symphony Orchestra. Dende principios de 2005 é director artístico da Sixth Floor Orchestra en Helsinki.

Mario Brunello

O violoncellista Mario Brunello é tamén outro representante desta xuventude musical europea. De feito, Brunello foi o máis novo académico de Santa Cecilia, a prestixiosa e recoñecida Academia da Música de Roma. Interésase por tódalas formas musicais, erixíndose en incansable experimentador e divulgador. Cada vez máis, compaxina a súa faceta de solista coa de director, e dende hai vinte anos viaxa polas salas máis prestixiosas do mundo.

O seu currículum está cheo de nomes e lugares de sobra coñecidos no ámbito da música clásica. Nos anos 80 toca coa orquestra La Fenice de Venecia, e máis tarde coa Orquestra da Scala de Milán. En 1986 convértese no primeiro italiano en gañar no Concurso Internacional Tchaikovsky. Dende entón toca con directores como Zubin Metha ou Riccardo Muti e xunto a solistas como Zimmermann. Funda a Orquestra d’Archi Italiana, e dende entón toca un violoncello Maggini, do século XVII, que pertencía ao músico Franco Rossi.

Compartir: