XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de reurbanización do tramo da rúa do Hórreo que permitirá conectar a nova intermodal co Ensanche

28/12/2020 A Xunta de Goberno local, reunida hoxe, deu luz verde ao proxecto de reurbanización da rúa do Hórreo, que permitirá conectar a nova estación intermodal coa ensanche compostelán. Así o anunciou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. O proxecto técnico de reurbanización da rúa do Hórreo, no ámbito da fronte da estación intermodal, elaborado por Ezcurra e Ouzande Arquitectura, conta cun Orzamento Base de Licitación de 593.562,72 euros, IVE engadido, e un prazo de exeución de 5 meses.

Segundo explicou o alcalde, a proposta contempla habilitar un vial para a parada do autobús, e "unha zona de preferencia peonil que iría desde un pouco antes da pasarela ata a rotonda". Diferenciariase do resto da rúa pola elevación da superficie, cun pavimento distinto, "doutra cor, unha solución parecida", sinalou, a que se adoptou no cruce de Xeneral Pardiñas coa rúa de Montero Ríos.

"Neste espazo, a preferencia será dos peóns sobre a circulación de vehículos", engadiu Sánchez Bugallo, cun límite de velocidade de dez quilómetros por hora: "o obxectivo é que os peóns que queiran entrar ou saír da estación de tren ou da estación de autobuses e das paradas do transporte metropolitano, teñan unha de preferencia peonil para cruzar cara o Ensache".

Un tramo que, continuou, funcionaría como "nexo de unión entre o Ensanche e a Intermodal", que se prevé mova en torno aos 7 millóns de pasaxeiros ao ano: tres millóns a estación de tren, dous millóns a estación de autobuses, e outros dous millóns o transporte metropolitano. O que se trata, engadiu, é de habilitar un espazo que "integre ese complexo da intermodal dentro do Ensanche", así como os barrios da zona sur, O Castiñeiriño e Pontepedriña. A actuación, sinalou, "anticípase ao que será a estación de alta velocidade, que esperemos saia a licitación este ano. A diferencia da estación actual, que hai que baixar, accederase directamente desde a rúa do Hórreo á mesma altura". O proxecto contempla marquesinas, e habilita, provisionalmente, dúas paradas de autobuses fronte á estación de tren.

Proxecto
A zona entre Santiago León de Caracas e a avenida de Lugo é o ámbito obxecto do proxecto de obras. Proxéctase una gran praza de acollida e antesala da cidade e da estación. Trátase dun espazo en plataforma lixeiramente elevado fronte á rasante da calzada actual e aproximadamente ao nivel das beirarúas existentes. Dous vaos, un en cada extremo do andén, dan acceso ao mesmo, entrando na zona de convivencia peóns - vehículos. Este ámbito abarcará dende a rúa Santiago León de Caracas ata Manuel Murguía, o que significa que tanto a nova pasarela como o ascensor e escaleiras existentes desembarcarán aquí.

Mediante a disposición duns xardíns lineais, defínense tres zonas, de maneira que dúas delas, a carón da estación e das vivendas, son exclusivas de uso peonil e unha terceira servirá de soporte a un tráfico mixto vehículos-peóns con prioridade para estes últimos. Esta terá unha maior sección permitindo rodar en ambos os sentidos.

Resólvese a plataforma de convivencia cun único material de acabado, buscando esa percepción de continuidade; para isto utilízase un asfalto pulido con árido de cor que aporta luz á superficie. Trabállase cun despece que marca direccións e organiza sentidos no ámbito de circulación mixta. Os xardíns axudan a ordenar os fluxos dos diferentes tráficos, acollen tamén o mobiliario ubrano, bancos, iluminación, etc, buscando evitar que apareza unha dispersión de elementos que dificulten o uso e desordenen o espazo.

En canto ás infraestruturas, o proxecto contempla o mantemento das redes xerais preexistentes, coa reforma daquelas que o requiren debido á nova configuración: saneamento, rego e rede de alumeado público.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a prórroga dos dous contratos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar), que terán efectos desde o un de xaneiro de 2021 ata o 13 de febreiro do mesmo ano. A cantidade desta prórroga ascende a 329.942,71 euros.

Desta cuantía, 171.150,42 euros corresponden ao "Lote I. Santiago-oeste", adxudicado á empresa "Servisar Servicios Sociales S.L."; polo gasto máximo por hora de 15,583 euros (IVE incluído), e un total de 10.983,15 horas realizadas. Os outros 158.792,29 euros son do "Lote II. Santiago-leste", adxudicado a "Eulen Servicios Sociosanitarios, S.A.", polo gasto máximo por hora de 15,943 euros (IVE engadido) e un total de 9.960,001 horas realizadas.

Na reunión do executivo municipal tamén se aprobaron as xustificación de gastos de distintos convenios subscritos no ano 2020 con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), por 15.000 euros; co IES Rosalía de Castro para o financiamento do Bacharelato Internacional, por 6.208 euros, e coa USC para subvencionar o "Programa Universitario de Maiores. IV ciclo", por 1.000 euros.

Licenzas
Entre as licenzas aprobadas figura a concedida á comunidade de propietarios da rúa Doutor Maceira, 21, para a instalación dun ascensor no citado edificio de vivendas, cun orzamento de execución material de 69.879,63 euros.

Tamén se concedeu unha licenza de obra nova a Vego Supermercados SA. E Locales Actividades y Exclusivas Comerciales, para construción dun supermercado, coa denominación comercial de Eroski, na Rúa Castela e León, 39; no polígono da Sionlla, cun orzamento de execución material de 3.084.012,88 euros. As actuacións consistirán nunha estación de servizo con zona de almacenamento de combustible e repostaxe, marquesiña, zona de lavado e aspirado, cafetería-restaurante e tenda, con planta soto e baixa, cunha superficie construída total de 1.753,59 m2 e ocupación en planta de 1.691,58 m2.

Compartir: