NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Máis de 27.000 euros para accións de normalización do galego

13/03/2007 O concelleiro delegado de Política Lingüística presentou a convocatoria de subvencións ás entidades sen fin de lucro para apoiar as súas accións de normalización da lingua galega. En total, repartiranse 27.600 euros e a cantidade máxima á que pode acceder cada entidade é de 1.800 euros.

Da convocatoria beneficiaranse as entidades que estendan o uso social da lingua galega total ou en parte no ámbito do Concello de Santiago. Os proxectos poden ser de dous tipos. Por unha parte estarán as actuacións que teñan como obxectivo dinamizar o uso da lingua a través de programas de normalización lingüística. Por outra, a produción de materiais en galego que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua galega nalgún eido.

Na valoración dos proxectos, o xurado terá en conta aspectos como a incidencia en ámbitos nos que o galego está pouco presente, a calidade, a continuidade ou permanencia, a difusión social, a innovación e creatividade e adecuación so obxectivos dos plans de normalización lingüística municipal e autonómico. O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.

Compartir: