AEROPORTO

As obras da nova terminal de Lavacolla comezarán antes do remate de 2007

13/03/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co director do Aeroporto de Lavacolla, Juan José Maceira, e co director da Zona Aeroportuaria Norte, Jesús Villarroel. Na xuntanza abordouse a cuestión da nova terminal aeroportuaria e confirmouse a intención de AENA de comezar as obras este mesmo ano 2007. O proxecto do novo edificio será presentado en Compostela no mes de abril.

Sánchez Bugallo indicou que, unha vez comezadas as obras, o prazo de execución será de 28 meses, "aínda que se traballará para acurtar os prazos". O obxectivo é que a nova terminal estea lista a principios de 2010. "Este prazo esixirá mobilizar esforzos para concretar os acordos non formalizados e un traballo intenso en 2008 e 2009", recalcou.

O alcalde lembrou outras claves que permitirán o desenvolvemento nestes anos do aeroporto, como os accesos á nova terminal ou a ampliación da pista nuns 200 metros, tamén prevista no Plan Director. Sobre o destino da vella terminal unha vez inaugurada a nova, afirmou que AENA aínda non o ten decidido. Finalmente, advertiu dos certos "inconvenientes" que terá que soportar o Aero Club durante un tempo, ata a construción do novo campo de golf.

O novo edificio terminal, que terá capacidade para uns 3.500.000 pasaxeiros, disporá dunha superficie duns 55.000 metros cadrados distribuídos en varios niveis (o nivel superior para facturación e saídas, o inferior para chegadas e un máis baixo para servizos e almacéns). Construirase tamén un edificio de aparcadoiro público de cinco plantas para 2.000 vehículos, un edificio de servizos e un bloque técnico duns 4.000 metros cadrados, ademais de un aparcadoiro dunhas 400 prazas para persoal e a central termofrigorífica.

O proxecto tamén inclúe a urbanización e o acceso a esta nova área terminal, que comezará na rotonda existente na entrada do aeroporto. Estes vieiros serán en estrutura e en dous niveis, debido ás características da orografía do terreo.

Compartir: