ALCALDÍA

O alcalde agarda que as medidas restritivas vixentes na cidade se flexibilicen a partir do venres 4 de decembro

27/11/2020 A pesar da boa evolución das cifras da pandemia na cidade, as restricións vixentes non se levantarán este venres 27 de novembro. Así llo comunicou o conselleiro de Sanidade ao alcalde nunha chamada que se producía mentres o rexedor comparecía en rolda de prensa. Está previsto que o comité clínico se reúna de novo o martes e tome unha decisión a este respecto de cara ao venres 4 de decembro.

Sánchez Bugallo agarda que se flexibilicen as restricións á luz dos datos, que indican unha redución do 70% de afectados no último mes, pasando de 500 casos activos a 150 e de 400 contaxios a 124, nos datos acumulados a 14 días. "Podemos ser optimistas" indicou o rexedor que agarda "que poida abrir a hostalería e que se levante o peche perimetral" pois "con total probabilidade estaremos por debaixo dos 100 casos por 100.000 habitantes a semana que vén".
Con todo, recalcou, "non podemos descuidarnos" e fixo un chamamento a seguir respectando as normas e "a manter o empeño" para que esta tendencia se manteña. "Sería terrible que todos estes esforzos non valeran", engadiou o alcalde, que quixo lembrar que de todas formas "temos que ser conscientes de que isto non remata o 4 de nadal nin o 4 de xaneiro. Ogallá acabe o 4 de xuño". Sánchez Bugallo volveu insistir unha vez máis na importancia de camiñar todos na mesma dirección polo que, sexa cal sexa a decisión do comité clínico, "a cumpriremos e a faremos cumprir".

Mentres tanto, salientou, "imos seguir traballando" no máis inmediato. Sánchez Bugallo anunciou que a semana que vén manterá sendas xuntanzas coas asociacións de comerciantes da cidade e coa de hostalería, dous dos sectores económicos que "que están asumindo un maior sacrificio", para pechar as bases que rexerán a nova convocatoria de axudas. O obxectivo, sinalou, é "sacalas na primeira quincena de decembro", ao igual que as destinadas ao sector cultural, que tamén "se están perfilando". Estas axudas serán complementarias ás da Xunta porque "o que queremos é sumar, en beneficio dos cidadáns e da cidade".

Tamén se continúa adiante co programa de Nadal, que arrancará a semana que vén. Apuntou Sánchez Bugallo que aínda que se poida pensar "que estes gastos non son prioritarios", é importante que, nun escenario como o actual, se dean pasos para recuperar a "confianza, a ilusión e o ánimo", iso si, sempre "con absoluto respecto ás normas de seguridade".

Inicio da obra do Orbital
No repaso á semana que remata, o alcalde quixo facer fincapé na importancia do comezo da obra do orbital, que mellorará "enormemente" as conexións viarias no norte da cidade e que se completará coa construción do orbitaliño (a unión do orbital coa estrada N-550). O rexedor espera que esta obra saia a licitación "ao longo do ano que vén". "Con iso, Santiago disporá dun equipamento de accesibilidade por estrada espectacular" que sitúa aos polígono industrias do Tambre, Costa Vella e da Sionlla nunha situación "privilexiada". Abundou o rexedor en que poucos polígonos hai "atravesados por unha nacional, dúas autovías, unha autopista, tren e a seis minutos dun aeroporto internacional", que ademais conten con "4 millóns de metros cadrados" e a carón dun centro histórico coma o de Santiago.

Tamén fixo referencia o alcalde a outra infraestrutura importante para a cidade: a estación do AVE, cuxo proxecto de execución xa está elaborado e pendente da sinatura da presidenta de Adif, "a quen lle agradezo todos os desvelos" e da aprobación dos orzamentos xerais do Estado, onde "por primeira vez aparece dotada esta infraestrutura, con 30 millóns de euros". O alcalde agarda que "a partir do 1 de xaneiro teñamos disposición presupostaria para que poida ser licitada a principios de 2021 e rematada en 2023", aínda que iso supoña "vivir o Ano Santo coa estación do AVE en construción".

Sinalou Bugallo a importancia de que as pezas do "puzzle" vaian encaixando. "Temos estación do AVE, de autobuses e pasarela" e agora queda garantir a conexión coa cidade. "Temos que asegurar esa conectividade, por iso incorporamos no remanente" as obras que a permitirán, cun orzamento de 610.000 euros para a remodelación da rúa do Hórreo. O rexedor salientou a importancia deste complexo intermodal, "que moverá uns 7 millóns de pasaxeiros ao ano".

Compartir: