ALCALDÍA

Talentia Summit ‘20 conságrase como a feira virtual de emprego de referencia

26/11/2020 Dende a apertura de inscricións, a web talentiasummit.com rexistrou máis de 43.000 usuarios activos e 300.000 vistas a páxinas, sendo a edición máis seguida de Talentia Summit. Mañá venres 27 ás 18.00h celébrase o Foro estratéxico de clausura, que contará coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do ministro de Ciencia e Innovación Pedro Duque, que participará de forma telemática.

Debido á situación sanitaria actual provocada pola pandemia mundial da Covid-19, Talentia Summit transformouse nunha feira virtual de emprego. Con acceso online para os múltiples servizos que ofrece Talentia Summit, a feira converteuse nun punto de encontro dixital entre empresas, organizacións e un público comprometido co desenvolvmento do talento e o emprego. O éxito desta nova edición 2020 é incontestable e contrastable en cifras:

- 300.000 páxinas vistas da web dende a apertura da inscrición
- 43.000 usuarios
- 2.500 usuarios nos cursos de formación
- 3.000 citas virtuais coas empresas presentes para entrevistas de traballo
- 800 sesións de mentoring e orientación laboral

As empresas amosaron o seu interese e apoio ao evento, compartindo información da feira a través da súa web e redes sociais. Un dos grandes atractivos de Talentia Summit son as ofertas de emprego activas que publicaron as máis de 80 empresas e centros de investigación participantes nesta edición. Foron moitas inscricións nas máis de 300 ofertas de emprego, para un total de 700 postos de traballo.

Talentia Summit celebra o Foro estratéxico de clausura mañá en directo vía streaming
Este ano, o Foro de clausura celébrase o venres 27 de novembro ás 18.00h. O evento poderá seguirse vía streaming a través da web de Talentia e xa conta con máis de 2.000 usuarios rexistrados. A organización convida a realizar o rexistro previo para recibir información ampliada e notificación do comezo do evento.

O acto consistirá nun foro de ponencias estratéxicas no que participarán expertos-as e dende os seus sectores exporán como superar a incerteza na actualidade. As conferencias serán as seguintes:

- Juan Carlos Alcaide - Dentro do Top 100 de mellores conferenciantes de España. este experto en experiencia cliente falará da "Actitude para superar a incerteza".

- María José Alonso - Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS. Unha conferencia moi interesante e reveladora na situación actual: "Misión C19. A ciencia ao servizo dunha vacina".

- Joaquín "Kin" Martínez - O codirector do festival "O Son do Camiño" e presidente da Federación ES Música compartirá o devir dun sector tan afectado por esta crise como o cultural en "O cambio de paradigma do sector cultural".

- Alberto Rodríguez Boó - Managing Director de Alda Hotels compartirá como é e será "O renacer do sector turístico".

- Margarita Álvarez - A fundadora de Working for Hapiness e expresidenta do Instituto Coca-Cola da Felicidade intervirá coa conferencia "Deconstruíndo a felicidade en tempos de incerteza"

O Foro estará presidido polas autoridades institucionais:
- Pedro Duque - Ministro de Ciencia e Innovación do Goberno de España.- que intervirá telemáticamente.
- Alberto Núñez Feijóo - Presidente da Xunta de Galicia-
- Xosé Sánchez Bugallo - Alcalde de Santiago de Compostela-.

Presentado e moderado pola xornalista Marga Pazos, Talentia Summit presentará talento musical da man da cantante grovense Carolina Rubirosa. Sen dúbida, unha guinda final para unha feira virtual de emprego que soubo adaptarse á situación actual para continuar promovendo o talento, a procura do emprego e a transformación dixital.

Compartir: