EMPREGO

Talentia Summit ‘20 bate récords de reservas nos primeiros días de inscricións

19/11/2020 A web talentiasummit.com rexistrou máis de 150.000 visitas na última semana. Nos cinco primeiros días completouse a inscrición no 87% das actividades formativas, cun total de máis de 4.000 reservas para participar nas diferentes actividades.

Talentia Summit volve cunha nova Edición Especial Covid-19 este 2020. Trala apertura da inscrición este sábado 14 de novembro ás 18.00h, completáronse preto de 4.000 prazas en diversas actividades para potenciar o pefil profesional das persoas participantes.

Un ano máis, esgotáronse as prazas en múltiples cursos de formación en áreas de coñecemento como idiomas, administración de empresas e certificados oficiais. Os usuarios xa reservaron máis de 1.500 citas cos responsables de contratación das empresas nos seus stands virtuais e en breve abrirase a convocatoria no catálogo de webinarios. Á súa vez, as sesións de mentoring e orientación laboral tiveron unha excelente acollida con máis do 50% de reservas.

Actualmente, hai dispoñibilidade de prazas en cursos moi interesantes para o desenvolvemento profesional como Microsoft Office Specialist, diversos cursos de formación en directo (para seguir os días da feira) e cursos online en diferentes categorías para poder completar en calquera momento.

Con milleiros de prazas ofertadas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, cursos online, sesións de mentoring persoal e orientación laboral na apertura de inscrición, actualmente estas son as actividades dispoñibles;
- Citas e entrevistas con resposables de empresas
- Ofertas de emprego
- Cursos de formación en directo
- Prazas para mentoring persoal
- Webinarios, que abrirán as incricións nos vindeiros días

Ademais das actividades dispoñibles en Talentia Summit ‘20, tamén siguen abertas as máis de 300 ofertas de emprego, para un total de 700 postos de traballo.

O Foro Talentia: expertos analizarán como superar a incerteza
Este ano, o Foro de clausura celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. O evento poderá seguirse vía streaming a través da web de Talentia e xa conta con máis de 1.000 usuarios rexistrados.
Presentado pola xornalista Marga Pazos, contará coa participación de Margarita Álvarez - fundadora de Working for Hapiness e expresidenta do Instituto Cocacola da Felicidade-, Juan Carlos Alcaide - experto en experiencia cliente na era do coronavirus-, María José Alonso - catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS-, Joaquín "Kin" Martínez - codirector do festival "O Son do Camiño" e presidente da Federación ES Música- e Alberto Rodríguez Boó - Managing Director de Alda Hotels-.

Ademais estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque - ministro de Ciencia e Innovación-, Alberto Núñez Feijóo - presidente da Xunta de Galicia- e Xosé Sánchez Bugallo - alcalde de Santiago de Compostela-.

Todas as actividades e información en www.talentiasummit.com
A reserva de prazas para todas as actividades realizarase a través da web www.talentiasummit.com. Nesta edición multiplícase por cinco a posibilidade de asistencia e participación dos usuarios ao Foro e á Feira Talentia, transformándose nun evento virtual adaptado á nova normalidade.

A partir do luns 23 de novembro dará comezo unha feira virtual de emprego e talento insólita en Santiago de Compostela e que agarda albergar a máis de 10.000 usuarios activos.

Compartir: