CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis excursións e de máis días para os veciños

12/03/2007 A concelleira de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa anual de excursións. Este ano, os veciños poderán acceder a máis viaxes e de máis duración, cunha ampla oferta de destinos, aberta a todas as idades e cun prezo asequible.

Con esta ampla oferta preténdese renovar o éxito acadado en temporadas anteriores. Así, de abril a outubro de 2006 participaron 1.200 persoas nas distintas excursións. A media de idade rondaba os 52 anos e o 55% eran mulleres. O programa deste ano, unha vez máis, foi confeccionado a partir das demandas de destinos dos propios veciños.

A edición deste ano comeza o sábado 17 de marzo cunha excursión a Allariz e rematará o os días 19, 20 e 21 de outubro coa viaxe a Segovia, Madrid e Ávila. En total serán 19 viaxes, malia que o programa está aberto a novas excursións ao longo do ano.

Ademais, das rotas diarias por diversos lugares de Galicia, están previstas tres excursións de cinco días, que levarán aos veciños a Portugal, Lourdes e Asturias. Outras dúas viaxes, de tres días, levarán aos composteláns ás Médulas, León e Astorga; e a Segovia, Madrid e Ávila.

O prezo das excursións dun día é de sete euros para socios e nove para non socios, coa excepción da viaxe ás Illas Cíes. O das demais viaxes será tamén un prezo moi asequible. Os interesados poden anotarse nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo, Trisca e Ensanche.

Compartir: