ALCALDÍA

O alcalde recibe os directores dos dous proxectos de investigación de Santiago premiados coas bolsas Synergy da Unión Europea

18/11/2020 Xosé Sánchez Bugallo recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi a Felipe Criado-Boado e a Diego Peña, investigadores do CSIC e da USC, respectivamente, cuxos proxectos de investigación acaban de ser seleccionados polo Consello Europeo da Investigación (ERC, nas súas siglas en inglés) para as bolsas Synergy. Na recepción tamén participou a primeira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Dos 34 proxectos seleccionados polo órgano europeo para as prestixiosas bolsas, dous son de Santiago, o que, segundo o rexedor, demostra o altísimo nivel da investigación na cidade. "Temos que estar absolutamente orgullosos e satisfeitos", engadiu Sánchez Bugallo, porque non hai ningunha cidade europea do tamaño de Santiago "nin parecido", con dous proxectos premiados. "Sen ir máis lonxe, Madrid e Barcelona teñen cinco: dous cada unha e un compartido", abundou.

Tamén sinalou o alcalde a relevancia dos temas de ambos proxectos: o patrimonio histórico e a bioquímica, "nos que Santiago é referencia e quere seguir séndoo". Estas bolsas permitirán a contratación de 30 novos investigadores, "ademais de garantir o emprego dos que están a día de hoxe" e financiarán os proxectos ao longo dos vindeiros seis anos.

Sánchez Bugallo aproveitou para felicitar non só aos directores dos proxectos, Felipe Criado-Boado e Diego Peña, senón tamén ao CSIC e á USC e á propia cidade, pola relevancia e calidade dos mesmos.

Os proxectos
Diego Peña, investigador do CIQUS, colidera o proxecto MoIDAM (Dispositivos moleculares individuais por manipulación atómica), que busca aproveitar as posibilidades das microscopías de sonda de varrido que foron descubertas por IBM hai 35 anos e que se converteron nunha das tecnoloxías clave no desenvolvemento da nanotecnoloxía.

As melloras realizadas nos últimos anos neste tipo de microscopía permitiron penetrar no mundo molecular e visualizar moléculas con resolución atómica. Pero esta visualización molecular redúcese ata o momento a unha foto fixa. Con proxecto MolDAM quérese ir un paso máis aló e ver as moléculas en acción, mentres reaccionan, é dicir, mentres rompen e forman ligazóns entre os seus átomos; ou mentres son sometidas a pulsos de voltaxe ou de luz. O que se descubra traballando con moléculas individuais podería ter impacto nunha gran diversidade de campos científicos, como a síntese química ou a transformación da enerxía.

Felipe Criado-Boado, investigador do CSIC e director do Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio), con sede en Santiago, encabeza o proxecto Mentes materiais, que estuda como o mundo artificial que construímos os humanos altera a nosa mente e a forma na que procesamos a información. Dito doutro xeito: como as estruturas materiais das que nos rodeamos (os nosos asentamentos, edificios, estradas e artefactos) cambian os nosos patróns de pensamento e atención. E, desde un punto de vista histórico, analiza se pode unha adecuada comprensión dos cambios nas formas materiais a través da historia explicar a emerxencia e evolución da mente e racionalidade da especie humana.

Para resolver estas cuestións, o proxecto "Mentes materiais" reúne un equipo de especialistas en arqueoloxía, ciencias da visión e filosofía cognitiva. Mediante un conxunto de materiais, coidadosamente seleccionados, que cobren un amplo rango de culturas e contextos arqueolóxicos, históricos, etnoarqueológicos e contemporáneos, pretenden comprobar, por primeira vez, a hipótese do cambio cognitivo baseado na materialidade. Para este fin, utilizarán unha metodoloxía que combina múltiples casos de estudo do mundo real coa máis avanzada neurociencia da visión e simulacións baseadas en axentes.

Compartir: