PLENO

O pleno aproba o destino dos remanentes, a modificación de crédito para o Plan de Sostibilidade Turística e o inicio da modificación do PXOM para regular as vivendas turísticas

17/11/2020 No pleno extraordinario do Concello de Santiago celebrado hoxe aprobouse o expediente de crédito extraordinario para atender o pagamento de sentenzas, para a realización dunha serie de investimentos no ámbito urbano e rural, e para a concesión de axudas no ámbito da cultura, do comercio e a hostalería local, por un importe total de 9.501.325,45 euros, financiado na súa totalidade con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do concello do exercicio 2019.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que Compostela é o segundo concello de Galicia, despois de Vigo, que aproba o expediente para a utilización do remanente. O rexedor desculpouse pola celeridade na tramitación, pero indicou, "creo que os nosos veciños o necesitan, e creo que vostedes o cren tamén". A proposta saiu adiante cos votos a favor do grupos socialista e popular e coa abstención de Compostela Aberta e BNG.

O destino dos remanentes defendeuno a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, e Modernización da Administración Local. Marta Abal explicou que a proposta ten por obxecto "dar cumprimento ao pagamento de sentenzas e obrigas xudiciais así como destinar un montante de 3,5 millóns a axudas a sectores afectados pola situación de pandemia que estamos a vivir, ao sector do comercio, ao sector da cultura e ao sector da hostalería". Tamén se propón, engadiu, o destino de 4,5 millóns de euros a obras, "ao financiamento de gastos de investimento que consideramos esenciais para a nosa cidade, que teñen un prazo de execución dun máximo de 6 meses, polo que intentaremos tramitalos coa maior celeridade posible para executar eses fondos o máis rápido e do xeito máis eficiente", continou.

En relación aos sectores máis afectados pola crise económica derivada das restriccións da pandemia, a vontade é, afirmou Marta Abal, "financiar os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento das súas actividades. Prevese unha liña de 300.000 euros para o fomento do consumo no comercio e na hostalería, e unha liña de 400.000 euros para investimentos no sector da hostalería. En última instancia preténdese contribuír á adaptación da hostalería ás novas formas de vender para que no futuro se vexan afectadas o menos posible ante situacións como a que estamos vivindo", finalizou.

En canto ás obras, o destino dos 4,5 millóns de euros (4.566.472,09) desglósase do seguinte xeito:
- Adecuación da rúa do Hórreo para a súa adaptación ao novo espazo intermodal: 610.000,00 €
- Urbanizacion da zl-75 (ua-11) do peri Fontiñas- Cotaredo- San Lázaro: 165.876,26 €
- Acondicionamento de parcela para o aparcadoiro exterior da rúa Altiboia – fase I: 208.907,95 €
- Acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes: 467.968,40 €
- Mellora das condicions de accesibilidade na costa do Cristo de Raxoi: 40.536,45 €
- Novos aseos públicos na avenida de Raxoi: 226.967,85 €
- Reforma dos aseos públicos existentes na rúa Trindade e no parque da alameda: 170.918,53 €
- Rehabilitación de firmes en vías urbanas: 865.150,00 €
- Rexeneración do pavimento da calzada da avenida de Asturias: 517.204,47 €
- Renovación do céspede do campo de fútbol situado a carón do Sergas: 568.267,15 €
- Reforma do vial Pajuela - campo de festa de Marrozos: 246.675,03 €
- Cuberta do parque infantil de Santa Marta: 165.000,00 €
- Obras de accesibilidade: 235.000,00 €
- Redacción do proxecto mellora e humanización do barrio da Estila: 60.000,00 €
- Actualización do proxecto de accesibilidade da Almáciga: 18.000,00 €

Os 9.501.325,45 euros totais do remanente líquido de tesourería completaríanse co importe destinado ao pagamento da sentenza a favor da sociedade mixta deportiva XADE.

PLAN SOSTIBILIDADE TURISTICA
O pleno tamén aprobou, cos votos a favor dos grupos socialista e popular e as abstencións de Compostela Aberta, e BNG, o expediente modificativo de crédito cun importe de 200.000 euros para a achega neste do 2020 por parte do Concello ao do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela. A aportación municipal total será de 1.000.000 de euros, divididos en tres anualidades:
· 2020: 200.000 euros.
· 2021: 400.000 euros
· 2022: 400.000 euros.

O obxectivo, segundo explicou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, "é apoiar a reconversión dos destinos turísticos para manter o seu atractivo e competitividade, mediante a execución de actuacións de recualificación do destino, reconversión de usos, restauración ambiental, accesibilidade, innovación, tecnoloxía, e de mellora da súa gobernanza; orientando todo isto cara á xestión intelixente e sostible".

Sindo Guinarte explicou que o concello de Santiago se presentou á convocatoria publicada o pasado 6 de xullo no BOE pola Secretaria de Estado de Turismo (SETUR) denominada «Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos». Esta proposta supuxo a elaboración dunha memoria técnica, de máis de 200 páxinas, que incluía distintas actuacións nos próximos 3 anos e que resultou seleccionada. Dotarase orzamentariamente con 3 millóns de euros, achegados a partes iguais polas tres administración implicadas: 1 millón a Secretaría de Estado de Turismo, 1 millón a Xunta de Galicia, e 1 millón o Concello de Santiago.

O que se leva a pleno, informou, é "a primeira aportación do Concello, por un valor de 200.000 euros, con cargo a créditos non executados na concellería de Políticas Sociais e Medio Ambiente". É a primeira das de tres aportacións do concello, "ata acadar o importe previsto dun millón de euros". O Goberno central, continuou, xa fixo a súa aportación inicial dun millón de euros neste exercicio 2020; e a Xunta de Galicia aporta, neste exercicio, 800.000 euros, quedando pendentes outros 200.000 euros.

Sindo Guinarte explicou que o plan se divide en varios eixos con distintas accións a executar, que exclúen as axudas directas ao sector. "Os eixos son os que vinculan o plan. As accións pódense modificar" indicou. O concelleiro engadiu que "agora estamos traballando nos detalles da redacción do convenio marco, proposto polo propio Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para asinar no que resta do mes de novembro. O obxectivo é que poida entrar en vigor antes do inicio de 2021.

MODIFICACIÓN TITULO III DO PXOM
Tamén se aprobou, neste caso cos votos a favor do grupo socialista, Compostela Aberta e BNG e coa abstención do PP, a solicitude de inicio da avaliación ambiental da modificación puntual do título III do Plan Xeral de Ordenación Municipal, sobre regulación de usos, que inclúe como novidade no PXOM a ordenación dos aloxamentos temporais, entre os que se atopan as vivendas de aluguer turístico, primando o uso residencial.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, o obxectivo da modificación é reformar a ordenación dos usos urbanísticos que se contén no vixente Plan Xeral, aprobado definitivamente en 2008, en base ao acordado no pleno do 19 de decembro de 2019.

É unha modificación necesaria, segundo a concelleira, polas "alteracións e distorsións que estaba a sufrir a nosa cidade e o seu tecido residencial pola proliferación de vivendas de uso turístico e da necesidade dunha normativa ao respecto. Ante un tema tan complexo era necesario un estudo no que se analizase de xeito pormenorizado a situación da vivenda de aluguer, que nos servise, ao mesmo tempo, para marcar o camiño dunha norma eficaz que garanta á cidadanía a primacía do uso residencial".

Rosón, que agradeceu o apoio da oposición, explicou que "aos problemas derivados da crise sanitaria súmase unha minoración moi importante da presión turística" o que dificultou os estudos previos asociados á modificación. "Pero aínda así, seguimos adiante porque entendemos que esta regulación é imprescindible para manter a nosa identidade como cidade, marcada por unha rica diversidade".

A responsable de Urbanismo, que agradeceu o labor realizado polo servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, co apoio do sevizo de Licenzas e Disciplina Urbanística, entende que "este é un bo documento, cunha fundamentación moi sólida, que dentro desa solidez ten a flexibilidade necesaria para adecuarse ás circunstancias e realidades cambiantes. Non prohíbe, pero ordena e regula".

Esta modificación do Titulo III do PXOM confirma a primacía do uso residencial e doutros usos complementarios importantes, como o uso comercial, ocio-restauración, oficinas ou equipamentos privados. Unha normativa pensada, segundo Mercedes Rosón, para dar resposta á actual demanda de usos. Entre eles, os usos de aloxamento temporal, non contemplados no anterior PXOM, entre os que teñen especial incidencia os de finalidade turística.

A finalidade principal da modificación é preservar a función residencial da cidade. Ese obxectivo esixía ponderar os efectos que a sua implantación produciría nas distintas zonas xa urbanizadas do termo municipal, avaliando o risco que supón en canto ao desprazamento do uso residencial preferente e dos complementarios que proporcionan servizos á poboación residente.

Esta avaliación do risco e conseguinte zonificación de áreas ameazadas realizouse no Documento ambiental estratéxico (DAE), que sustenta a proposta de ordenación resultante. Revelou que hai zonas de máis risco onde non se autoriza o uso de aloxamento turístico: ordenanza 1 e zonas 2, 3, 4 e 7. As zonas non consideradas de risco coinciden con ámbitos completos das ordenanzas 5, 6, 8, 10, 11, 12, 13 e 14.

En canto á utilización da vivenda como aloxamento turístico, só se permite naqueles ámbitos nos que estea expresamente permitido o uso especifico de "aloxamento turístico tipo vivenda", ou naqueles outros que admitan o uso de "aloxamento turístico" en xeral, sen limitalo a un tipo concreto. En todo caso, a súa autorización queda suxeita aos seguintes límites:

- As vivendas adicadas ao aluguer turístico deben reunir todos os requisitos e condicións que esixa a normativa aplicable (planeamento urbanístico, habitabilidade, lei de vivenda de Galicia) para a súa utilización como vivendas, ademais daqueles outros que esixa a normativa especifica de turismo.

- Non se permite nas vivendas cualificadas, nin nas suxeitas a algún réxime legal de protección pública.

- Unicamente se admite a súa implantación na planta baixa (sempre que o planeamento autorice a vivenda en planta baixa) ou, alternativamente, se non existe un uso residencial na planta baixa, podería implantarse na planta primeira.

En todo caso os propietarios poderán seguir alugando en calquera ámbito, sen restriccións, cando se dea algún dos seguintes supostos ou variantes:

- cando a duración do aloxamento temporal non exceda dun determinado periodo de tempo ao ano (3 meses, 90 días, que poderían ser discontinuos, segundo a regulación que se estableza ao efecto). O tempo restante (cun mínimo determinado de días ao ano) debe adicarse ao aloxamento permanente de residentes, en réxime de propiedade ou de aluguer.

- cando o aluguer turístico se limite a un determinado número de habitacións dentro da propia vivenda, residindo o titular dentro da vivenda.

Estas dúas variantes de aloxamento temporal como uso asimilado ao de vivenda admítese sen restriccións en todas as parcelas de uso residencial, xa que, polas súas especiais limitacións e requisitos, se configura como un uso compartido ou ocasional subordinado a un uso residencial permanente.

Compartir: