XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a suspensión da taxa variable da recollida de lixo para as empresas e entidade afectadas polo peche derivado das actuais restriccións anticovid

16/11/2020 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou a proposta para que se suspenda a taxa variable pola prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos durante o período ao que se refire a orde do 4 de novembro de 2020 (pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID19 na Comunidade Autónoma de Galicia). En concreto, afectaría a negocios, vivendas colectivas, administracións públicas e asimilados; é dicir, aos suxeitos pasivos obrigados a suspender a súa actividade a consecuencia da citada orde. Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, esta proposta aplicaríase con efectos retroactivos.

Tamén se aprobaron as bases para a selección do alumando e persoal director e docente do obradoiro de emprego "Creas III", que segundo a resolución da Xefatura Territorial da Conselleria de Emprego e Igualdade, de 9 de novembro de 2020, conta cunha subvención por importe de 346.946 euros, para 20 alumnos/as traballadores/as e 30.000 euros en incentivos á contratación, con cargo aos orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade. A distribución dos 20 alumnos/as por especialidades formativas, realizarase a través de dous itinerarios formativos: repoboación forestal e tratamentos silvícolas (10 alumnos/as); e confección e publicación de páxinas web (10alumnos/as). No marco deste programa está previsto realizar as seguintes actuacións: traballos de acondicionamento e mellora en "Xiros dos montes de Compostela"; e elaboración e mantemento de aplicación web "Xiros dos montes de Compostela".

O alcalde tamén destacou os distintos proxectos de obra que irán mañá a pleno, ao estar incluidos na proposta de remanentes. En concreto, en Xunta de Goberno aprobáronse os proxectos técnicos de mellora da accesibilidade ao Pazo de Raxoi dende a Costa do Cristo, elaborado por Ezcurra e Ouzande Arquitectura S.L.P; por un orzamento máximo de licitación de 35.908,13 euros, IVE engadido; e un prazo de execución de 3 meses. Tamén se aprobou o de "Rexeneración do pavimento da calzada da Av. de Asturias, por un importe máximo de licitación de 499.054,47 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de 4 meses.

Así mesmo, deuse luz verde aos proxectos básicos e de execución das obras de reforma dos aseos da rúa Trinidade e do parque da Alameda redactado polos equipo de arquitectos RVR, cun orzamento máximo de licitación de 155.380,48 euros; e o dos novos aseos públicos na Av. de Raxoi, redactado polo equipo anterior, cun orzamento máximo de licitación de 208.817,86 euros, IVE engadido. Os dous proxectos teñen un prazo de execución de 5 meses.

CONVOCATORIAS
Na Xunta de Goberno aprobouse a convocatoria da "XXI edición dos Premios Manuel Beiras". Este premio, anual, outórgase cada anos ás empresas que o xurado considere merecentes dun recoñecemento público polo uso do galego na súa actividade, e na categoría que corresponda. Non leva engadida dotación económica algunha. Materializarase nun elemento simbólico que se entregará as persoas representantes das empresas premiadas nun acto público. As categorías son:

· Empresa cun uso continuado da lingua galega: para empresas que empreguen o galego de xeito habitual na súa comunicación, cando menos, cinco anos atrás.

· Empresa de nova incorporación ao uso do galego: empresas que comezaron a empregar o galego na súa comunicación nos últimos cinco anos.

· Empresa innovadora no uso do galego. Empresa que destaque pola innovación da súa comunicación en galego.

Poden concorrer a este premio as empresas radicadas no concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividae nel.

Tamén se aprobou o programa de actividades vinculadas á convocatoria, composto por unha campaña de comunicación e un evento para a entrega dos premios, cun orzamento estimativo total de 19.178,5 euros.

Ademáis, o executivo local aprobou as bases da convocatoria de premios a traballos académicos sobre emprego e a xestión do talento, en recoñecemento da súa calidade, carácter innovador ou impacto potencial no mercado de traballo. Divídese en catro categorías: Traballos Fin de Grao (TFG), Traballos Fin de Mestrado (TFM), teses de doutoramento, e traballos de Investigación. O importe da convocatoria é de 20.000 euros, 5.000 euros para cada unha das categorías mencionadas.

CONVENIOS
Entre os convenios aprobados en Xunta de Goberno figura o acordo coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 100.000 euros, que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades formativas e informativas de persoas emprendedoras e empresariado local na busca da súa mellora empresarial e competencial, e á necesaria adaptación empresarial que están a realizar moitos dos negociso da cidade para adaptarse ás circunstancias xeradas pola crise da COVID-19.

Tamén se deu luz verde ao convenio de concesión da subvención á Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, por importe de 20.000 euros, co obxecto de colaborar na financiación das actividades que imparte; o texto de convenio coa Federación Gallega de Judo y Disciplinas Asociadas no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 6.000 euros, que ten como obxecto a promoción do deporte na cidade; e o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Mercado de Abastos Sdade. Coperativa Galega, por importe de 10.000 euros, co obxecto de colaborar nas campañas de promoción do citado centro comercial.

CONTRATOS
Na reunión do goberno municipal tamén se acordou adxudicar o contrato "Servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico, e do túnel urbano do Hórreo, no termo municipal de Santiago de Compostela" á empresa Kapsch Trafficcom Transportation, SA, por un importe de 663.119,12 euros, IVE engadido, cunha duración de tres anos e dividido en catro anualidades, de 2020 a 2023; ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. En concreto, compromete a subministración dunha matriz de vídeo virtual a instalar no Centro de Control de Tráfico do Concello.

Ademais, acordouse a liberación do saldo contable vinculado á "Obras de reurbanización e parque público Finca do Espiño", que ascende a 75.079,13 euros. Unha cantidade que, segundo asegurou Sánchez Bugallo, se incorporará ao proxecto de restauración do edificio.

EVOLUCION COVID19
Na rolda de prensa, o alcalde de Santiago confirmou que a evolución da curva epiodemiolóxica está sendo positiva, pero,a advirte, " é necesario non baixar a garda sabendo que en calquera momento se pode invertir a tendencia e podemos ter un novo crecemento" de contaxios. A cifra de casos positivos en Compostela, non permite, segundo o rexedor, relaxación algunha nas medidas.

Sánchez Bugallo engade que se "conseguimos en tres semanas a reducción do número de casos activos, nun 50%, é evidente que os esforzos pagan a pena". Por iso, o alcalde volve incidir na responsabilidade individual e colectivo, pedindo que a cidadanía "nos responsabilicemos dos nosos actos e contribuamos a que o resto respecten a norma e actúen con respecto cara o conxunto da cidadanía". Neste sentido, o rexedor destacou o descendo nas festas en pisos: "a semana pasada foron cinco, polo tanto o descenso é radical", dixo, lembrando que chegaron a rexistrase 64 nunha soia semana.

O alcalde espera que mañá, no pleno, se aprobe por amplia maioría "ou incluso por unanimidade", a utilización das remanentes que inclúe, explicou, "unha partida moi importante para apoiar aos sectores económicos que máis están sufrindo, basicamente a hostalería, o comercio e o mundo da cultura". Ao órgano cameral irá a aprobación de 3,5 millóns en axudas, que se verán inmentado cun millón a maiores, que ten previsto aportar a Deputación da Coruña. Para Sánchez Bugallo, "son cifras importantes desde o punto de vista orzamentario, son máis do 3% do orzamento", que engade, "se produce nun escenario complexo no que temos que facer fronte a gastos extraordinarios e imprevistos moi potentes, en materia de servizos sociais, en limpeza e desinfección de colexios e de parques infantís, en comedores escolares; e por enriba, nun escenario de minoración de ingresos".

Documentos relacionados



Compartir: