ALCALDÍA

O alcalde de Santiago será o representante da FEMP na Rede de Iniciativas Urbanas

14/11/2020 A Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias acordou, na sesión celebrada o pasado 27 de outubro, designar o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como representante da entidade no pleno da Rede de Iniciativas Urbana, en calidade de titular.

Xosé Sánchez Bugallo agradeceu o nomeamento, así como a confianza depositada pola FEMP e subliñou a relevancia da RIU (Rede de Iniciativas Urbanas), "un instrumento necesario para compartir boas prácticas e difundir os resultados dos proxectos urbanos que reciben financiamento europeo".

Que é a RIU?
A Rede de Iniciativas Urbanas (RIU) é o principal mecanismo de coordinación en materia de desenvolvemento urbano e fondos comunitarios. En base á experiencia e bos resultados obtidos con anterioridade, mantense a Rede de Iniciativas Urbanas (RIU) como mecanismo de coordinación, impulso e de apoio á xestión e avaliación de actuacións en materia urbana cofinanciadas por Fondos Estruturais segundo se establece no Acordo de Asociación de España 2014-2020.

A Rede constitúe un instrumento esencial para poder incorporar a necesaria dimensión urbana na xestión e programación dos fondos europeos de desenvolvemento rexional e exponse como un foro aberto de intercambio de experiencias, que tamén servirá para analizar e dar resposta aos posibles problemas e aclarar as dúbidas suscitadas pola aplicación da normativa en materia de fondos europeos destinados ao desenvolvemento urbano.

A Rede de Iniciativas Urbanas iniciou a súa andaina en 2009, xunto con outras tres redes sectoriais, como mecanismo de coordinación do período 2007-2013 establecido no Marco Estratéxico Nacional de Referencia, que sinalaba que a RIU "estará integrada con carácter permanente polos órganos responsables das políticas urbanas na Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, a Federación de Municipios e Provincias, representantes de concellos con participación especialmente significada na xestión de Fondos Comunitarios, e a Comisión Europea".

Compartir: