IGUALDADE

Compostela en Negro volve denunciar as violencias machistas neste 25N con catro accións de concienciación, entre elas o reparto de 4.500 máscaras nas farmacias da cidade

12/11/2020 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou as accións programadas de cara ao 25 de novembro, "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" no marco da campaña Compostela en Negro, para as que pide, un ano máis, a colaboración da cidadanía. Actividades que se desenvolverán, sinalou, "nun ano triste, gris, marcado polas consecuencias sanitarias e socioeconómicas dunha terrible pandemia que afecta a todo o planeta". Un contexto, no que, engadiu, as mulleres seguen a ser as máis afectadas porque "a Covid-19 está sementando, se cabe, máis desigualdade, o que nos obriga a intervir e ser máis proactivas que nunca".

Na presentación, a concelleira estivo acompañada da deseñadora da campaña, Uqui Permui; e da coordinadora da mesma no rural, Cruz Dafonte. En concreto, desenvolveranse catro accións:

En colaboración co Colexio de Farmacéuticos da Coruña, levarase a cabo o reparto de aproximadamente 4.500 máscaras, por parte das farmacias de Santiago, do 23 ao 25 de novembro, con logotipos como "Compostela en negro Contra as Violencias", ou "Loito contra o machismo". Tamén se distribuirán outras mil entre colectivos de mulleres e colectivos LGTBI.

#EnNegroDendeACasa. É o cancelo dun traballo de sensibilización no que colabora o Colexio de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social, e que se desenvolverá a través dunha microweb, con historias inspiradas en postais, nun momento onde a pandemia obriga a gardar as distancias sociais. Un traballo de concienciación en redes, que inciden na idea "Contra a cultura da violencia, a cultura do coidado".

A gravacion dunha video-performance, na que participa a artista Mónica Mura, para rodear, de forma simbólica, a cidade cunha cinta negra; no que segundo explicou Uqui Permui, é "unha campaña de loito contra as violencias machistas" A cinta, de medio metro de ancho por 30 de longo, irá rodeando, simbólicamente, as casas da cidade vella, a zona nova e os barrios.

A difusión, en diferentes espazos da cidade e nos Centros Socioculturais do rural, dunha peza audiovisual que se está realizando e na que diferentes homes plantexan a súa visión das violencias. Cruz Dafonte explicaba que lle impactou o que se di nun dos videos, de que "xa non vale ir pasiño a pasiño, hai que dar brincos, porque o cambio cara a corresponsabilidade e cara o reparto dos coidados ten que vir dunha reflexión interna por parte dos homes". Esta gravación difundirase tamén a través das redes sociais.

A maiores está previsto ler un manifesto, o mesmo 25 de novembro, entre todos os grupos da corporación municipal.

Durante a súa intervención, Mercedes Rosón referiuse aos datos estatísticos publicados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial; sinalando que "durante o primeiro semestre de 2020, as denuncias por violencia machista reducironse. Pero isto foi só un espellismo. Porque a partir de xuño, co desconfinamento, os profesionais que traballan con múlleres en situación de violencia de xénero perciben un aumento das demandas de atención por parte das vítimas, o que conleva, paralelamente, un aumento das denuncias por violencia machista". A concelleira explicou que o confinamento "simplemente agochou e agravou a realidade e a vida das mulleres que sofren violencia machista. O descenso desas denuncias e solicitudes de atención especializada por situacións de malos tratos físicos ou psicolóxicos debeuse a que estaban baixo a ameaza constante dos seus agresores. Unha situación, na que debemos estar vixiantes, porque se pode recrudecer de novo nesta segunda vaga", engadiu.

Ante esta lacra, continou, "ante esta cultura machista; desde Santiago, como colectivo, como cidade, como concello, volvemos un ano máis baixo o lema Compostela en Negro, denunciar a actual situación e confirmar que seguiremos traballando arreo para reverter estes números e para rematar coas desigualdades". "No concello", proseguiu, "imos avanzando paso a paso nese camiño. Desde este mes de outubro está operativo e funcionando o grupo da Policía Local de atención ás vítimas de violencia machista, o equipo VioGén; despois do Convenio asinado polo Concello e a Secretaría de Estado de Seguridade. Durante o confinamento, puxemos en marcha, desde o departamento de Igualdade, a campaña "Rompe o silencio" animando a denunciar situacións de violencia machista". Tamén se referiu á Casa Xoana Torres, que xa ten un protocolo de medidas anticovid para as actividades futuras, "sempre que o permitan as medidas decretadas polas autoridades sanitarias".

A concelleira destacou especialmente "o gran traballo" que está facendo o persoal do Centro de Atención á muller. Engadiu que, "malia ás dificultades ocasionadas polo estado de alarma e a crise sanitaria, durante o confinamento o CIM mantivo o seu número de usuarias en relación á mesma época de anos anteriores".

Finalmente resaltou o éxito, que tanto a nivel local, como fóra de Santiago, que está tendo a campaña Compostela en Negro desde que se puxo en marcha, hai uns anos. Ao respaldo por parte da cidadanía, do comercio, da hostalería, súmase agora o Colexio de Psicoloxía de Galicia, o Colexio de traballo social e o Colexio de Farmacéuticos da Coruña. A todos eles, e tamén aos Centros Socioculturais, Mercedes Rosón agradeceulle a súa implicación e a súa resposta, ante un problema que dixo, nos afecta a todas e a todos.

Compartir: