TURISMO

O sector turístico de Santiago incrementa a súa aposta polo SICTED pese á Covid-19

11/11/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, participou na Mesa da Calidade que se celebrou telematicamente e na que dende Turismo de Santiago se presentaron os resultados do proceso de implantación do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) correspondente ao ano 2020.

Neste ano traballouse con 102 empresas dos diferentes subsectores turísticos da cidade, sete máis que no 2019. Como resultado deste traballo, proporase para recibir a certificación de calidade de SICTED a 84 candidatos, tres máis que no 2020. Estes datos amosan que o sector turístico da cidade está facendo un esforzo moi importante para manter os niveis de calidade pese ás circunstancias adversas provocadas polo Covid-19.

Ademais, Santiago é o segundo destino de España con maior número das novas distincións "Preparados Covid-19", con 72. Trátase dunha nova distinción que garante o estrito cumprimento das Boas Prácticas Avanzadas do SICTED para a redución do risco de contaxio no sector turístico.

Os bos resultados do proceso de implantación do SICTED neste ano marcado polo Covid-19 debéronse a dúas razóns principais: por unha banda, ao compromiso do sector turístico da cidade, que está facendo un esforzo moi importante para adaptarse á situación actual.
Por outra banda, a que xa no Estado de Alarma de marzo se convocou online, dende Turismo de Santiago, ás empresas e servizos para participar nos ciclos de formación, e a que no verán, cando se levantou o Estado de Alarma, visitáronse presencialmente todos os establecementos, o que permitiu revisar todos os requisitos recollidos nos manuais de Boas Prácticas.

Entre as empresas e servizos propostos para a distinción do SICTED en Santiago hai Axencias de Viaxes, Aloxamentos Rurais, Aluguer de vehículos, Comercios, O Santiago de Compostela Conventión Bureau, Guías Turísticos, Hoteis, Museos, a Oficina de Información Turística de Turismo de Santiago, Organizadores Profesionais de Congresos, Restaurantes, Taxis e Transportes Turísticos.

Compartir: