EMPREGO

Talentia Summit ‘20 ofrece 18.000 prazas en centos de actividades na maior feira virtual de emprego

11/11/2020 Do luns 23 ao venres 27 de novembro de 2020 celébrase a nova edición de Talentia Summit, 100% virtual e con ofertas de emprego activas, cursos de formación, certificacións oficiais e un foro de conferencias estratéxicas. O período de inscrición abrirase este sábado 14 de novembro ás 18.00 h. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico municipal de Emprego, Xavier Ferreiro, presentou esta mañá en rolda o contido do foro.

Talentia Summit volve cunha nova Edición Especial Covid-19 este 2020. Nun contexto de tanta incerteza, o Concello de Santiago aposta por xerar novas oportunidades, xa que ten máis valor que nunca, e nesta edición póñense a disposición máis de 18.000 prazas en diversas actividades para potenciar o pefil profesional das persoas participantes. O alcalde expresou a "gran satisfacción e a responsabilidade" que supón organizar esta edición, totalmente online, "o que non significa que sexa peor", engadiu o rexedor, que vaticinou que a do 2021 será "a mellor de todas".

Cunha oferta formativa e de inserción laboral sen precedentes, Talentia Summit consolídase como un encontro virtual do talento e o emprego referente no Estado. Este ano debido á situación sanitaria provocada pola pandemia mundial, será unha edición 100% virtual.

Durante a feira, os participantes poderán achegarse ás empresas máis relevantes que están na procura de talento, coñecer as súas ofertas de emprego e reservar chamadas directamente cos responsables de contratación. Na feira ofertaranse milleiros de prazas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, cursos online, sesións de mentoring persoal e orientación laboral.

A Feira Talentia: maior audiencia, maior oferta, maiores posibilidades
9.000 encontros de usuarios con empresas para conectar a potenciais traballadores con oportunidades, iso é a Feira Talentia. Celebrada habitualmente no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, vólvese totalmente virtual e ten lugar no portal web www.talentiasummit.com. Previo rexistro e solicitude de participar no evento, o usuario poderá visitar os stands virtuais das empresas, nos que poderá:
- Descubrir as ofertas de emprego activas da empresa
- Coñecer a actividade da empresa e os programas de captación de talento.
- Conectar cos responsables das áreas de contratación de persoal.

No stand virtual, as empresas indicarán a súa dispoñibilidade e establecerán contacto telefónico directo coa persoa que realiza a reserva. As ofertas de emprego xa están dispoñibles na páxina web de Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.

Máis de 2.000 prazas en formación para impulsar o perfil profesional
Talentia Summit aposta un ano máis pola formación como motor do talento e o emprego para o desenvolvemento profesional. Tras ofrecer estes meses de abril e maio unha ampla variedade de cursos online e mobile learning, este evento volve presentar unha oferta formativa diversa para múltiples perfís e inquedanzas profesionais.

Ademais dos cursos de formación online, Talentia Summit porá a disposición dos usuarios webinars, obtención de certificados oficiais, xornadas de orientación laboral para a optimización do seu currículum e tamén consultoría e asesoría coas sesións de mentoring persoais. En cifras, a oferta de formación de Talentia deste ano é a seguinte:

- 330 Prazas en certificacións oficiais
- 2000 Prazas en cursos de formación
- 672 Prazas con 28 mentores profesionais
- 1.000 Prazas en 25 webinars
- 360 Prazas de orientación laboral

O Foro Talentia: expertos comparten como superar a incerteza
Este ano, o Foro celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. Dada a situación excepcional provocada pola Covid-19, reformularase o formato seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. A pesar da situación actual, multiplicarase o aforo de asistencia xa que poderán seguir o evento vía streaming.

Actualmente, está confirmada a participación de Beatriz Navarro - directora de Marketing e Comunicación de FNAC España-, Juan Carlos Alcaide - experto en experiencia cliente na era do coronavirus-, María José Alonso - catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS- e Joaquín "Kin" Martínez - codirector do festival "O Son do Camiño" e presidente da Federación ES Música, entre outros.-
Ademáis estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque - ministro de Ciencia e Innovación-, Alberto Núñez Feijóo - presidente da Xunta de Galicia- e Xosé Sánchez Bugallo - alcalde de Santiago de Compostela-.

Todas as actividades e información en www.talentiasummit.com
A reserva de prazas para todas as actividades realizarase a través da web www.talentiasummit.com. Nesta edición multiplícase por cinco a posibilidade de asistencia e participación dos usuarios ao Foro e á Feira Talentia, transformándose nun evento virtual adaptado á nova normalidade. Este sábado 14 de novembro ás 18.00h abrirase o período de inscrición para as actividades de Talentia Summit ‘20

Compartir: