ACCIÓN CULTURAL

O Concello repartirá dez mil exemplares da publicación "Compostela nos tempos de Nós" entre a cidadanía de Santiago

11/11/2020 A concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, acompañada da investigadora e historiadora Mercedes Vázquez Bertomeu presentou o caderno "Compostela nos tempos de Nós", editado polo Concello de Santiago. A publicación describe aquela cidade de hai cen anos, que entraba na modernidade da man da xeración Nós. Rosón describiuno como "un traballo de investigación rigoroso, cun formato divulgativo, no que destaca o deseño e o contido".

A publicación conta cunha tirada de dez mil unidades e vaise repartir en centros socioculturais, en centros escolares e entre as asociacións veciñais. As persoas interesadas pódeno pedir directamente ao Teatro Principal e faráselle chegar.

O labor de investigación e os contidos correron a cargo Mercedes Vázquez Bertomeu, e da tamén historiadora e investigadora, Pilar Rodríguez Suárez. As ilustracións e deseño son de Marcos Vigo, ilustracións inspiradas nas de hai un século, acompañadas de fotos antigas e anuncios. As imaxes conviven cos debuxos, e danlle, segundo explicou Vázquez Bertomeu, "dinamismo e atractivo" á publicación. Un traballo, do que destaca o tipo de letra, "como as dos libros de Nós", e a tipografía azul, que representa "a galeguidade" desa xeración.

"Compostela nos tempos de Nós" describe, en 32 páxinas, o espíritu da xeración Nós e como era aquel Santiago da década dos anos vinte, e de principios dos anos trinta. É, subliñaba Mercedes Rosón, "unha xanela aberta a unha época tan decisiva, que marca un antes e un despois en Galicia. Introdúcenos na modernidade, como cidade e como país. E sementa os avances dunha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis social, que culminarían na segunda república". Avances que, indica, "non serían iguais, sen a pegada da Xeración Nós. Espertou a Compostela e a Galicia, marcou as pautas dun futuro social e galeguista, creou unha capital cultural, e impulsou e dignificou o galego como nunca antes se fixera. Creou unha marca, unha identidade coa que todo o pobo se identificaba. Un legado, que todos debemos coñecer. Por iso decidimos editar este libro. E por iso ímolo difundir de balde", concluiu. Na meirande parte repartiranse en 2021, dada a actual situación de crise sanitaria.

Este caderno é o terceiro número dunha colección de estudos de carácter divulgativo da que xa se publicaron, en 2017 e 2018, o número 1, adicado ao Arcebispo Xelmírez baixo o título "Compostela 1117"; e o número 2, "Compostela festiva". Está previsto, indicou a concelleira de Acción Cultural, que a continúe, nun futuro, con novos números.

Compartir: