ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Posta en marcha do servizo de notificacións electrónicas o vindeiro luns 2 de novembro

28/10/2020 O Concello de Santiago de Compostela pon en marcha o servizo de notificación electrónica mediante comparecencia na sede electrónica, un sistema seguro, cómodo e eficaz que substituirá, para os colectivos obrigados legalmente e para quen así o elixa, a notificación en papel por correo postal. A este sistema, poderán acollerse, segundo sinalou a concelleira de Economía, Marta Abal, "as persoas xurídicas que se relacionen co concello" compostelán e "as persoas físicas que así o desexen". O servizo entrará en funcionamento o luns 2 de novembro.

A partir dese día todas as notificacións que o Concello de Santiago de Compostela dirixa aos obrigados legais faranse por medios electrónicos. As notificacións serán postas ao dispor do interesado no apartado privado de notificacións electrónicas, ao que poderá acceder mediante un certificado dixital dos admitidos pola sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela ou mediante Cl@ve.

A notificación electrónica entenderase producida no momento en que o cidadán poida acceder ao contido do acto notificado, ou ben, se este acceso non se efectúa, unha vez transcorra o prazo de 10 días naturais desde que está posta ao seu dispor.

O Concello enviará un aviso ao enderezo de correo electrónico do interesado para comunicar que dispón dunha notificación na sede electrónica. Para iso, solicitará unha dirección de e-mail para o envío de avisos, que unicamente terán efectos informativos. Así mesmo, unha vez posta en funcionamento a sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela (https://sede.santiagodecompostela.gal), na sección de notificacións electrónicas poderá comunicarse o enderezo no que se quere recibir os avisos.

Polo tanto, cómpre lembrar que:

- Iniciado este servizo, deixarán de enviarse notificacións por correo postal.
- A falta do aviso ao enderezo electrónico facilitado non impide que as notificacións electrónicas sexan consideradas plenamente válidas.
- A notificación electrónica entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde que estea ao dispor do interesado sen que este accedera ao seu contido.

Para facilitar o enderezo de correo electrónico ou para resolver calquera dúbida ou aclaración sobre este tema, o Concello habilita a seguinte dirección: notificacion@santiagodecompostela.gal.

Quen ten obriga de relacionarse electronicamente coa Administración?
De conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 39/2915, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións pública, as persoas físicas poderán elixir en todo momento se se comunican coas Administracións Públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigacións a través de medios electrónicos ou non. Non obstante, reglamentariamente, as Administracións poden establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas a respecto das cales quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos.

En todo caso, estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas Administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, polo menos, os seguintes suxeitos:

a) As persoas xurídicas.
b) As entidades sen personalidade xurídica.
c) Quen exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas Administracións públicas en exercicio da devandita actividade profesional. En todo caso, dentro deste colectivo entenderanse incluídos os notarios e rexistradores da propiedade e mercantís.
d) Quen representen a un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.
e) Os empregados das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregado público, na forma en que se determine reglamentariamente por cada administración.

Compartir: