ALCALDÍA

O alcalde amosa o seu apoio ao sector da hostalería

28/10/2020 Xosé Sánchez Bugallo e outros membros dos distintos grupos políticos da Corporación municipal apoiaron a reinvindicación do sector da hostalería no seu conxunto, que reclamou axudas directas para poder facer fronte ás consececuencias derivadas das medidas restritivas dictadas para frear o avance da covid cunha concentración na praza do Obradoiro.

Para Sánchez Bugallo "hai dúas cousas que non son contradictorias", por un lado o respecto e cumprimento "da normativa que aproba o organismo competente", e, polo outro, "pedir compensación e apoio para a aqueles sectores que, como consecuencia, se ven gavisimamente afetados". Engadiu o rexedor que "todos entendemos que estamos nunha situación terrible e que temos que tomar medidas e apoialas, pero tamén que, cando se esixe un sacrificio específico a determinados sectores, estes deben ser apoiados".

No caso de Santiago, sinalou o alcalde, "o 80% dos locais pagan renda e non se pode pretender que sigan mantendo a súa actividade e pagando a renda se non teñen ingresos. E, na práctica, as medidas fan imposible que teñan ingresos". Dende a entidade municipal, engadiu o rexedor, "estamos facendo o que está ao alcance da nosa capacidade, pero é claramente insuficiente". O Concello permitiu a ampliación do espazo destinado a terrazas e a colocación de elementos calefactores, pero "non todos os locais teñen terraza e moitas terrazas non poden soster os gastos fixos dos locais", nunha cidade na que "a climatoloxía non axuda". Por iso, concluíu, "é necesario un plan de axudas e de apoio real e efectivo a estes sectores máis afectados".

Sánchez Bugallo non quixo entrar a valorar as medidas dictadas, porque nestas circunstancias, indicou, "non se poden cuestionar as directrices" de quen está ao mando. "Temos que colaborar con el e facelas cumprir". Agora ben, puntualizaou o rexedor, "quen dicta esas instrucións ten que ser consciente de que teñen consecuencias e debería facer un plan de compensación".

Posible peche perimetral de Santiago
Preguntado sobre o posible peche perimetral do municipio, Sánchez Bugallo reiterou o máximo respecto ás decisións que poida tomar o Comité clínico e a Consellería: "se o mando único toma esa decisión, respectarémola, cumprirémola e farémola cumprir, e ademais non a imos cuestionar". Bugallo agarda á conversa co conselleiro de Sanidade, prevista para hoxe pola mañá, para saber as cifras actualizadas de casos na cidade, que a primeira hora de hoxe rexistraba 409. O domingo as cifras situábanse nos 410 casos activos, polo que a percepeción do rexedor é "dunha certa estabilización".

Bugallo lembrou a importancia de participar nos cribados postos en marcha polo Sergas e cualificou de "bastante impresentable" a actitude de aqueles que non acoden facerse as probas cando son chamados pois "poden estar contaxiados sen sabelo".

Compartir: