XUNTA DE GOBERNO

As Xornadas de Ilustración Urbana volven a Compostela en formato virtual

26/10/2020 Volven un outono máis as Xornadas de Ilustración Urbana; este ano, estreando formato completamente virtual, tal como anunciou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, en rolda de prensa esta mañá. Acompañada do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e da organizadora das Xornadas, Gemma Sesar, Rosón presentou o programa para a edición 2020, cuxas actividades se celebrarán ao longo do día 7 de novembro.

As Xornadas de Ilustración Urbana son unha actividade organizada polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña. Moderadas nesta edición por Maru Godas, reúnen unha serie de entrevistas e conversas cos artistas máis salientables do panorama estatal desta disciplina.

Zoom é a plataforma que permitirá ao público asistir a estas conversas que comezan coa artista María Herreros na sesión das 12 da mañá, seguida de Catalina Rodríguez, que indagará sobre os seus cadernos de viaxe dos camiños de Santiago e de Kumano. A mañá rematará cunha conversa sobre a exposición Xirarei, comisariada por Fausto Isorna para o Auditorio de Galicia e que se clausurou o pasado mes de setembro.

Para as sesións da tarde contarase cunha entrevista a Pablo Rosendo, que achegará ás Xornadas ás sendas de Ons, seguida dunha conversa de Luis Ruiz Padrón sobre ilustración e xornalismo. Pechará as xornadas a súa moderadora, a artista Maru Godas.
O público poderá interactuar cos ilustradores a través do chat, que responderán en directo ás súas preguntas.

A asistencia ás xornadas é gratuíta, pero é preciso inscribirse ás mesmas a través da páxina do evento, www.xornadasdeilustracionurbana.com

Documentos relacionados



Compartir: