ACCIÓN CULTURAL

Un cadro de Leopoldo Nóvoa pasa a formar parte do patrimonio do Concello despois da doazón realizada pola súa viúva, Susana Carlson

23/10/2020 O cadro sen título de Leopoldo Nóvoa doado ao Concello de Santiago, colga xa dunha das paredes do Pazo de Raxoi. A obra, pintada no ano 2005, foi doada por Susana Carlson, viúva do pintor e propietaria da mesma.

O pasado 15 de outubro, Susana Carlson presentou un escrito sinalando que era propietaria da obra sen título "mixta sobre papel", un cadro que fomou parte da mostra "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns", exposta no Auditorio de Galicia. Nese documento, manifestaba a súa intención de doalo sen contraprestación económica para o concello de Santiago, por consideralo a institución idónea. Tanto o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, como a concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, agradeceron "a xenerosidade" da viúva de Leopoldo Nóvoa e sinalaron que este cadro permitirá enriquecer o patrimonio pictórico do Concello de Santiago. É a segunda pintura que ten o concello deste autor. A outra está colocada nunha das paredes de Alcaldía.

Leopoldo Nóvoa, nacido en Salcedo (Pontevedra) en 1919, e finado en París en 2012, é un dos artistas galegos máis importantes e con maior proxección internacional durante a segunda metade do século XX e primeira década do século XXI; con exposicións desde 1953 en Bós Aires, Nova York, Punto do Leste, Montevideo, Dublín, Madrid, Italia, Bélxica, París, Lima, Bogotá, Quito e en Santiago, entre outras cidades. Os seus méritos artísticos foron recoñecidos coa concesión, entre outros galardóns, da Medalla Castelao en 1993; e do Premio Cidade de Pontevedra, no ano 1997, ou o Premio da Crítica Galicia en 2002.

A peza foi elaborada dentro do último período da traxectoria de Nóvoa, en concreto no ano 2005. Está realizada sobre papel, un material que xunto co cartón utilizou con frecuencia ao longo da súa carreira. O orixinal reflicte o sentir da súa creación en xeral, con intencións plásticas que coinciden tanto na obra sobre papel como na súa pintura, como consoancia de texturas e gradacións cromáticas ou a harmonía da luz coas sombras.

Compartir: