SEGURIDADE CIDADÁ

Comeza a funcionar o grupo da Policía Local de atención ás vítimas de violencia machista

20/10/2020 Xa está operativo e funcionando o grupo da Policía Local de atención ás vítimas de violencia machista, o equipo VioXén; despois do Convenio asinado polo Concello e a Secretaría de Estado de Seguridade. Formado por tres axentes e coordinados por un inspector, foron instruídos polos compoñentes da UFAM (Unidade de Atención á Familia e á Muller) da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Santiago de Compostela.

Adicarase, en concreto, á protección de vítimas de violencia machista, apoiando os axentes do Corpo Nacional de Policía e á Unidade da Policía Autonómica que xa estaban a traballar coas afectadas, co que se gaña en efectividade.

O equipo VioXén da Policía Local xa está traballando coas primeiras vítimas asignadas. Xa contactaron coas mulleres e agora ocúpanse de que conten cunha boa protección integral, co obxectivo de acadar a súa seguridade e previr ameazas dos seus agresores.

A finalidade última do equipo VioXén é erradicar a violencia contra as mulleres para evitar a grave vulneración dos seus dereitos fundamentais que supoñen as agresións machistas, sexan do tipo que sexan: psicolóxicas, físicas, etc.

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioXén), da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, púxose en funcionamento o 26 de xullo do 2007, en cumprimento do establecido na Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, "de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero", sendo os seus obxectivos aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero; integrar toda a información de interese que se estime necesari; facer predición do risco e, atendendo ao nivel, realizar un seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional

Así mesmo, efectúase un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do "Subsistema de Notificacións Automatizadas", cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que poida pór en perigo a integridade da vítima.

Resumindo, o Sistema VioXén busca establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de violencia machista, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional.

Compartir: