MULLER

O Concello homenaxeou a nove científicas e investigadoras

09/03/2007 Nove mulleres que traballan en Santiago no campo da ciencia e da investigación foron homenaxeadas polo Concello no marco do programa de actos conmemorativos con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.

Neste ano 2007, declarado "Ano da Ciencia" polo Goberno central, a Concellaría de Muller decidiu render homenaxe ás traballadoras deste ámbito, que aínda hoxe en día seguen a ter importantes dificultades á hora de desenvolver a súa carreira profesional. Recoñeceuse así o labor destas mulleres científicas e investigadoras que están a desempeñar un papel decisivo na xeración de coñecemento na nosa cidade, e salientouse a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia en tódolos ámbitos da vida.

As homenaxeadas foron María Isabel Cadavid Torres, catedrática de farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; Carmela Capeáns Tomé, directora da División de Investigación do Instituto Galego de Oftalmoloxía e xefa do Servizo de Oftalmoloxía do Chus; María Tarsy Carballas Fernández, directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; María Graña Barcia, directora do Instituto Zygos; María Victoria Lareu Huidobro, catedrática de Medicina Legal e Forense da Universidade de Santiago de Compostela; Josefina F. Ling Ling, membro do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. E profesora de Fundamentos de Astronomía, Astronomía Xeral e Fotometría Astronómica; María Cruz Mato Iglesias, profesora de Bioloxía; María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física da USC e presidenta da Sección Local da Real Sociedade Española de Física; e María del Carmen Porto Vázquez, xefa do Servizo de Radioterapia do CHUS.

Moitas destas mulleres son pioneiras nos seus ámbitos, os seus coñecementos foron recoñecidos nacional e internacionalmente e dispoñen duns extensos currículos difíciles de resumir. Por seguir a súa vocación salvaron obstáculos, aferradas a unha curiosidade insaciable por coñecer mellor o mundo e contribuír a melloralo, e conseguiron non só permanecer no mundo da investigación científica, senón progresar ata os escanos máis altos da súa profesión, continuando ata hoxe nunha carreira investigadora de longo alcance.

O acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos e conducido pola xornalista Marga Pazos, contou coa presenza da directora da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e profesora de Investigación e Ciencia, Tecnoloxía e Xénero do Instituto de Filosofía do CSIC, Eulalia Pérez Sedeño, que impartiu a conferencia "O coñecemento das mulleres". Esta catedrática de Lóxica e Filosofía da Ciencia ten investigado sobre todo a historia da ciencia antiga e das institucións científicas, así como a filosofía da ciencia e percepción e comunicación da ciencia. Dende hai sete anos preside a Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España e é Vicepresidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas. Tamén interviron o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Máis actos

O programa continuará o sábado 10 e o domingo 11 de marzo, coa celebración nas prazas da Quintana e de Praterías da I Feira Medieval da Muller Artesá, que pretende recoñecer o papel fundamental deste oficio no mantemento da nosa cultura e tradicións e a súa contribución á economía familiar. Nesta feira, que contará con gardería, participarán artesás chegadas de toda España e de Portugal. O horario de apertura é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Finalmente, o luns 12 actuará no Teatro Principal a compañía Pífano Teatro, que interpretará a obra "Rotas", ás 20:30 horas, con acceso gratuíto previa retirada de entrada (na taquilla do Teatro Principal de 12:00 a 17.00 horas). Logo do espectáculo, celebrarase un debate público sobre a violencia de xénero.

Compartir: