ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "profundamente preocupante" a evolución da COVID en Santiago, que se situa hoxe nos 340 casos por cen mil habitantes

19/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualificou de "profundamente preocupante" a evolución da pandemia en Santiago; cuns datos negativos que sitúan a incidencia nos 340 casos por cen mil habitantes. Representa sinalou, un incremento do 50% nas dúas últimas semanas, xa que se pasou de 177 contaxios a 233; e de 233 aos 340 rexistrados este luns; o que sitúa a Compostela, dixo, "por enriba da media de Galicia".

Unha vez máis, realizou un chamamento á cidadanía para que actúe "de forma moi responsable e cunha actitude preventiva fronte á evolución da COVID", porque, engadiu, "é previsible que a curva ao longo desta segunda quincena aínda non tocara teito", polo "que entre todos debemos esforzarnos por aplanala e por reducila".

Neste momento, sinalou o rexedor, o concello de Santiago está á espera das medidas que adopte o Comité Clínico da Consellería de Sanidade que se reunirá maña. Tamén mañá, adiantou, ten prevista unha conversa co conselleiro de Sanidade. En todo caso, afirmou, "estaremos ao que dispoña a autoridade sanitaria, prestando toda a colaboración que se nos solicite". "Estamos nun escenario", continou, "no que se requiren medidas, e é importante para a comprensión da cidadanía saber que as medidas que se adopten ou se poidan adoptar nun futuro non son froito da irreflexión nin da improvisación. Son froito dunha medición constante e continua da evolución dos datos".

A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo recoñeceu que nas dúas últimas semanas a evolución "é claramente negativa, bastante coherente co que está pasando no conxunto de Galicia, onde os datos tamén son preocupantes". Pero sinala, "o mal de moitos non nos pode servir de consolo. Hai que ser persoas sensantas e razoables". Probablemente, continuou, "non temos a actitude proactiva e preventiva que temos que ter. Hai quen sigue pensando que a el non lle vai tocar". Para o alcalde, é importante reflexionar sobre "o que non se está facendo ben". Indica que en Santiago existe unha mobilidade maior que a media do conxunto da comunidade, e que ten máis poboación moza que a maioría dos concellos, "e ámbolos dous son factores que desde o punto de vista da transmisión da epidemia se poden considerar factores de risco".

Sobre o número de a evolución das festas en pisos, indicou que nas noites dos xoves, venres e sábado rexistrándose 23 denuncias en pisos, 20 sancionadas con 500 euros, e tres con 750 euros. Na semana pasada, cando se endureceron as multas a través da ordenanza municipal de ruidos, denunciáronse 30 celebracións, "menos que as 58 da semana anterior". De momento, o alcalde non sabe se o endurecemento das sancións está dando os seus froitos, pero si avanzou que estudará "se houbese sancións maiores que aplicar" a partir do ditame feito público polo Consello Consultivo que indicaba que os municipios contan con competencias para a vixiancia das restricións derivadas da pandemia. "Nese caso", advertiu, "teñan por seguro que as aplicaremos".

Compartir: