PROMOCION ECONÓMICA E EMPREGO

A feira de emprego Talentia Summit ‘20, que se celebrará a finais de novembro, será virtual e contará con máis de mil prazas de formación

17/10/2020 A finais de novembro está previsto que se desenvolva unha nova edición da feira de emprego Talentia Summit ‘20, que organiza o concello de Santiago, e que este ano contará coa participación de máis de cen empresas, ofertas de emprego a nivel estatal e máis de mil prazas de formación. Este ano, a causa da crise sanitaria provocada pola COVID19, emitirase case na súa totalidade en formato on-line; adaptándose así ás restriccións de aforos provocadas pola crise sanitaria. Non obstante, tamén se convocarán sesións híbridas emitidas por streaming para as poucas actividades que requiran asistencia en persoa.

A nova edición de Talentia Summit ten como obxectivo propor unha alternativa sólida para a reconstrución económica baseándose nos alicerces da innovación e o talento e, á vez, xerar oportunidades que permitan conectar o talento humano coas organizacións e entidades que actúan como potenciais empregadoras. Ofrecerá, ademais, formación continua de balde para a mellora da empregabilidade das persoas.

O éxito de edicións anteriores, como a de 2019 na que participaron arredor de 5.000 persoas, consolidou a Talentia Summit como un referente a nivel estatal respecto á xestión e ao desenvolvemento do talento e o emprego. Nesta edición reunirá de novo a importantes autoridades institucionais, a destacadas empresas, a conferenciantes de renome, e a centos de persoas que pretenden impulsar o seu perfil profesional ou procuran novas oportunidades laborais.

No actual contexto económico, Talentia Summit ‘20 representa unha oportunidade para integrarse no mercado laboral, ou para buscar novas perspectivas profesionais. E faino coa proposta de enfrontar a complexidade dun modo distinto: o talento humano e o desenvolvemento das innovacións tecnolóxicas como o principal activo a ter en conta para a reconstrución económica e social. Unha nova normalidade en constante evolución que require afouteza, precaución e axilidade. Por iso, un dos eixos do encontro será potenciar o talento, reunindo e dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do mesmo.

As persoas que se inscriban e/ou participen en Talentia Summit ‘20 poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas; acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas; asistir a conferencias, obradoiros ou webinars; e outras moitas actividades que os axudarán na mellora das súas competencias profesionais.

Está previsto que a principios de novembro se abra o prazo para reserva
de prazas a través da web de Talentia Summit ‘20.

Compartir: