ACCIÓN CULTURAL

Bota a andar a cuarta edición da SELIC con case medio cento de actividades ata o 18 de outubro

10/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, achegáronse hoxe ata as sedes nas que este ano se celebra a SELIC, o comedor do Colexio de Fonseca e o espazo de Afundación, na rúa do Vilar. A IV edición da Semana do Libro de Compostela encherá a cidade de actividades para visibiliar o seu potencial editorial e literario.

En total hai programadas 45 actividades, entre roteiros, coloquios, conversas, mesas redondas, actuacións que combinan música e literatura, e distintos eventos infantís. A isto súmanse dúas exposicións, e dous espazos con expositores, Fonseca e Afundación, no que estarán representadas dezaseis librarías e editoras.

A programación comeza hoxe, sábado 10, ás doce do mediodía, co roteiro "Compoescenas. Paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela", con Roi Vidal como guía; e coa presentación, na sede de Afundación, do poemario "Figuras masculinas de meio corpo", de Antom Fortes; e remata o domingo, día 18, cun espectáculo de teatro e poesía, "Malcriada", con Esther Carrodeguas e o pianista Velpister.

Durante a SELIC, están programados doce roteiros, que lembrarán a Compostela de autores como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Carvalho Calero, Antón Fraguas, as Irmandades da Fala ou Isaac Díaz Pardo. Tamén haberá un espazo para a Compostela conspiradora a republicana, a Compostela vermella ou a xeolitearia; e para o feminismo ou a botánica. As prazas son limitadas, e compre inscribirse no enderezo electrónico selic@santiagodecompostela.gal.

Os autores tamén contarán cun espazo propio con conversas, con presentacións, e con sinaturas de libros. Ledicia Costas asinará, "Os minimortos: benvido ao outro barrio"; Xosé Carlos Carracedo Porto "Somos de Arxerís"; e María Eiras "As nosas letras de muller a muller". Presentaranse, entre outras obras, "Federico García Lorca en Santiago de Compostela", de Alvarellos Editora, "O paraíso dos inocentes" de Antón Riveiro Coello, ou "Árbores no deserto", de Rosalía Fernández Rial.

O programa completarase con actividades infantís, obradoiros creativos, performance, mesas redondas, conversas literarias e as exposicións "As nosas letras de Muller a Muller", de María Eiras, que se poderá ver na libraría Aenea; e "Edito e Mando", de María Meijide", exposta no comedor de Fonseca.

Precisamente o comedor de Fonseca será un dos espazos nos que se instalarán os expositores de librarías e editoriais, xunto coa sede de Afundación, na Rúa do Vilar. Outros escenarios que acollerán esta cuarta edición da SELIC serán a Fundación Torrente Ballester, o Hotel Compostela, a Fundación Eugenio Granell, ou a lavandaría da Rúa Hortas.

Direcciones relacionadas



Compartir: