URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente da fase 1 do proxecto de fibra óptica para a zona vella

06/10/2020 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, do "Proxecto de infraestrutura para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela -Fase 1: Rúa do Franco e Rúa do Vilar, 34-84", que conta cun orzamento de execución material de 39.946,95 euros.

A proposta presentouna a compañía "Orange España Comunicaciones Fijas SL" e nela inclúense distintas condicións, que levaron o visto bo da comisións. Son:

A rede de dispersión, é dicir, os cables de acometida para clientela, deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e dos elementos comúns interiores dos edificios, non sendo autorizable o acceso ás vivendas e locais a través das ventás.

A fin de reducir o impacto visual da instalación na fachada, as novas Caixas Ópticas Terminais (CTO) terán preferiblemente un acabado en cor gris, en lugar de negro, para integrarse o mellor posible nos paramentos de granito.

O trazado dos pasos de rede soterrados deberase deseñar sempre seguindo a aliñación das lousas de granito da cidade histórica, e dacordo co criterio de afectar ao menor número de pezas orixinais.

As tapas das novas arquetas realizaranse con lousa de granito das mesmas características que as existentes no pavimento, e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola superficie.

A obra civil corresponde á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica, deberá ser aproveitada para soterrar simultaneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos. A propiedade das novas arquetas a executar na vía pública será do concello.

Tal e como reflicte a memoria do proxecto, a nova rede de fibra óptica deberá ser compartida coas empresas ou operadores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural, resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

A Comisión Asesora de Patrimonio tamén informou favorablemente da reforma dunha vivenda na Costa de S. Domingos; e das obras de rehabilitación doutros tres inmobles en Rúa de Belvís, Cruceiro do Gaio e Rúa do Campo do Forno.

Ademais de Mercedes Rosón, á Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: