ALCALDÍA

O Concello estuda supender a taxa de terrazas para o ano que vén, segundo indicou o alcalde despois de runirse con representantes do sector hosteleiro

06/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo hoxe unha xuntanza con responsables da Asociación Hostelería Compostela. Houbo consenso en temas como horarios, terrazas e exencións fiscais. Sobre a taxa de terrazas, o alcalde lembrou que este ano se recortou en "99 días", os que estivo vixente o estado de alarma. Para o 2021 asegurou que se vai "considerar a súa suspensión". Unha decisión, indicou, que se tomará previsiblemente este mes de outubro, e que "imos levar a pleno", órgano que ten as competencias para aprobala.

Ademais, os hostaleiros solicitaban poder abrir ata a unha da madrugada pola semana, e ata as dúas os fins de semana, horario que se ampliaría ás dúas e media no verán. A proposta do Concello coa que se chegou a consenso, sempre que o autorice o goberno autonómico, é de luns a xoves, ata as as doce e media da madrugada; e venres, sábados e vésperas de festivos, ata a unha e media da madrugada. É un asunto, segundo o alcade, reglado polos "sucesivos decretos que regulan o estado de emerxencia sanitaria", e polo tanto, tennos que autorizar a Xunta, "Nós contemplámolo", afirmou o alcalde, se o autoriza Sanidade.

En relación ás terrazas, Sánchez Bugallo confirma que xa se están ampliando espazos, "para evitar que a reducción de aforos e as distancias que se deben manter" teñan unha repercusión "excesivamente negativa no sector". O que se vai facer, anuncia, é habilitar as medidas para que esas terrazas "sexan operativas no inverno". O maior problema, explica, é o frío e a auga, "polo tanto autorizaremos que esas antucas se manteñan ao longo do inverno e tamén se permitirá a utilización de estufas, e "a instalación de elementos separadores, tipo mamparas", para acoutar o espazo da terraza e garantir a seguridade. Anunciou que se redactará un decreto co obxectivo de que esta fin de semana sexa xa operativo.

O alcalde indicou que se está a traballar conxuntamente co sector, para manter activa a actividade hoteleira durante todo o ano. Un ano no que se rexistrou un descenso "moi notable das visitas" tanto internacionais como nacionais. "Agora a prioridade é a clientela local, a clientela de proximidade", para un sector económico, sinalou "moi importante para a cidade".

No encontro tamén estiveron presentes os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Turismo, Sindo Guinarte; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; e de Economía, Marta Abal. Pola Asociación Hostalería Compostela asistiron a súa presidenta, Sara Santos, así como Ramón García Seara, David Dopazo, Lois Lopes e Sergio Fernández.

Compartir: