ALCALDÍA

O Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia únense para financiar a adquisición de tres vehículos de emerxencias

05/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asinaron hoxe no Pazo de Raxoi un convenio valorado en 120.000 euros para financiar a adquisición de tres vehículos de emerxencias.

O rexedor compostelán agradeceu a colaboración de Xunta e Deputación e fixo fincapé na importancia de que as administración traballen conxuntamente na defensa do interese xeral, especialmente no actual escenario. Para o financiamento deste convenio, en virtude do cal se dotará á agrupación de Protección Civil de Santiago dun vehículo todo camiño, un todo terreo e un furgón, a Deputación da Coruña achega 55.000 euros, a Xunta outros 55.000 e 10.000 o Concello.

O obxectivo é reforzar o servizo de protección civil e emerxencias nos labores, entre outros, de prevención, promoción, divulgación, información e socorro dos peregrinos e peregrinas que camiñan polas diferentes rutas cara a Santiago de Compostela, así como nos actos de concentración de persoas programados.

"Estou convencido de que o ano que vén teremos unha recuperación notable no fluxo da chegada de visitantes e peregrinos polo tanto debemos estar preparados para acollelos e prestarlles a maior atención e o mellor servizo posible, facendo que se sintan seguros", indicou Sánchez Bugallo.

Valentín González Formoso destacou que "este é un paso máis na colaboración en materia de emerxencias que temos iniciado co Concello de Santiago e a Xunta e nese camiño nos seguiremos atopando porque a Deputación estará sempre ao carón das institucións nunha materia tan importante como o son as emerxencias e a prevención de riscos".

Pola súa parte, Alfonso Rueda destacou que este acordo mellora o equipamento da agrupación da capital galega e axuda, ao mesmo tempo, a que "todo estea preparado" para o próximo Xacobeo 2021, no que "Protección Civil e o Servizo de Emerxencias terán un labor fundamental".

Compartir: