MULLER

Os 3.000 euros do Premio Xohana Torres destinaranse ao Cottolengo

08/03/2007 O Concello celebrou o Día Internacional da Muller cunha recepción aos colectivos composteláns que traballan a prol da muller. Antes, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo comunicou que por segundo ano consecutivo, quedou deserto o Premio de investigación Xohana Torres. A contía do premio, 3.000 euros, destinarase ao Cottolengo.

Sánchez Bugallo anunciou que o xurado considerara que os traballos presentados non reunían as condicións axeitadas para ser premiados. A xuízo da concelleira da Muller, Adelaida Negreira, esta é unha decisión que fala do alto nivel de esixencia e de calidade deste galardón, como o demostran tamén os traballos premiados en anteriores edicións e logo publicados.

O diñeiro do premio achegará ao Cottolengo unha axuda para a adquisición dun vehículo adaptado co que as mulleres internas poidan desprazarse con maior facilidade.

O premio de investigación "Xohana Torres" foi institucionalizado pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela en 1993, co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade coma no pasado, na vida da nosa comunidade. Da publicación da investigación gañadora encárgase a Universidade de Santiago.

Compartir: