TURISMO

O 9 de outubro remata o prazo de presentación de orixinais para a XII edición dos Premios Educacompostela

23/09/2020 O Concello de Santiago, na Xunta de Goberno local do 20 de xullo de 2020, aprobou prorrogar o prazo de presentación de traballos á XII Edición dos Premios Educacompostela 2020, ata o 9 de outubro de 2020, mantendo o resto das bases da convocatoria inalteradas.

A situación excepcional de crise sanitaria provocada pola pandemia da "COVID-19", obrigou á toma de decisións e medidas tamén excepcionais que afectaron á sociedade en xeral e á comunidade educativa en particular. Unha vez pasada a primeira onda epidémica é necesario ter en consideración que no novo curso que entra os posibles destinatarios deste convocatoria -docentes, equipos directivos, investigadores/as- así como asociacións e colectivos de profesores/as, están a redobrar os seus esforzos. En situación de normalidade pareceu acaído escoller a data de 4 de setembro, pero a realidade obriga a contemplar a prórroga do prazo de presentación de traballos ata o 9 de outubro para facilitar a concorrencia.

Os Premios Educacompostela, convocados polo Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración pedagóxica de Nova Escola Galega, teñen o fin de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
Os materiais didácticos poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria, secundaria ou en etapas postobrigatorias. Tamén se poderán presentar materiais elaborados e destinados a outros contextos educativos non escolares.

A dotación dos Premios é de 2.700 euros, distribuídos entre os 1.200 euros do primeiro premio, os 900 do segundo e os 600 do terceiro.
Os materiais presentados deberán ser orixinais inéditos e estar redactados ou elaborados en lingua galega. Non poderán participar aqueles traballos que foran premiados con anterioridade. Cada material ou conxunto de materiais deberá ir acompañado dun texto explicativo cun máximo de 15 páxinas que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, integración no currículo e proceso de elaboración, experimentación e avaliación seguido.

Poderá participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados.

Os orixinais para optar aos premios deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela.

O xurado estará composto polo/a concelleiro/a de Educación, dous representantes de Nova Escola Galega, dous representantes do Departamento de Educación, o/a director/a do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, un representante dos centros de formación e recursos de Galicia e un representante das editoriais de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: