IGUALDADE

Este xoves remata o programa Artellando Feminismo coa proxección da longamentraxe "El proxeneta" e un posterior coloquio coa súa directora, Mabel Lozano

23/09/2020 A proxección da longametraxe "El proxeneta" pon punto final ao programa Artellando Feminismo, no que, a través de oito xornadas on-line, se visibilizaron as desigualdades entre homes e mulleres, os estereotipos aínda presentes, e se proporcionaron ferramentas prácticas ás persoas asistentes que lles permitirán implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e oportunidades. Despois do filme, está programado un coloquio coa súa directora, Mabel Lozano. A xornada, desenvolverase mañá xoves, 24 de setembro, ás 19:30 h. É de balde e para participar só hai que inscribirse na web de Artellando Feminismo (enlace ao final da noticia)

"El proxeneta" está protagonizada e contada en primeira persoa por Miguel, "O Músico", un ex-proxeneta e dono dalgúns dos máis importantes macroburdeis de España, condenado e sentenciado a 27 anos de cárcere. Miguel confesou, punto por punto, como evolucionou a prostitución en España e no mundo, e como a principios dos anos noventa xurdiu o negocio da trata, e se comezou a secuestrar mulleres de "débeda", cuxa unica saída era a prostitución. No coloquio posterior, Mabel Lozano reflexionará sobre o tema tratado no filme e a situación de trata de mulleres na actualidade.

En principio, esta xornada era presencial, pero a evolución da COVID19 aconsellou que se desenvolvese on-line. O programa de Artellando Feminismo, deseñado polo departamento de Igualdade do concello de Santiago, comezou o pasado 20 de maio. Desde entón impartíronse oito coloquios ou conferencias encamiñadas a animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes, promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

Documentos relacionados



Compartir: