TURISMO

Francisco Candela, elixido vicepresidente do Consello de Destinos da Organización Mundial do Turismo

08/03/2007 O concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela, foi elixido vicepresidente do Consello de Destinos da Organización Mundial do Turismo (OMT), na asemblea que celebra esta axencia especializada das Nacións Unidas en Berlín .

A elección por unanimidade de Candela produciuse durante a asemblea que celebra a Sección de Membros Afiliados da OMT no marco da Feira de Turismo de Berlín, a ITB. Esta sección reúne a uns 300 membros procedentes do sector privado (consultoras, compañías aéreas, cadeas hoteleiras, axencias), do mundo académico, da sociedade civil e das institucións turísticas rexionais e locais. Estas últimas agrúpanse no recentemente creado Consello de Destinos.

O Consello de Destinos (Destination Council) ten por obxecto dar apoio técnico aos seus membros para mellorar a súa xestión turística a través do intercambio de información técnica, estudos de investigación e "boas prácticas" para a planificación turística, o desenvolvemento de produtos, a innovación tecnolóxica, a aplicación de normas de calidade e de técnicas de promoción, o impulso á competitividade, a medición do impacto do turismo e a análise do mercado, entre outros.

Un recoñecemento a Compostela

Durante o discurso de aceptación do seu nomeamento, Candela afirmou que asume con interese e ilusión a súa nova responsabilidade no proxecto de mellora da xestión dos destinos turísticos adheridos á OMT. "Esta elección é, sobre todo, un recoñecemento a unha cidade, Santiago de Compostela, dende cuxa experiencia como destino turístico podemos ofrecer a nosa colaboración a este Consello’, sinalou.

Segundo apuntou "Santiago non é só Patrimonio da Humanidade da Unesco, meta do Camiño, Cidade Santa e capital de Galicia; senón tamén un destino que ven recibindo importantes premios polo seu labor de conservación, pola mellora da súa calidade medioambiental e polo esforzo destinado a conciliar a vida cidadá cos usos turísticos. Esa experiencia será unha boa garantía para o traballo entusiasta que hoxe iniciamos".

O presidente dos Estados Membros da OMT, Carlos Vogeler, saudou a elección de Candela como vicepresidente da Sección de Destinos indicando que é "unha boa noticia polos valores profesionais de Candela e pola significación de Santiago coma un dos primeiros destinos turísticos europeos dende a Idade Media, cando se converteu en modelo de cultura, fe e hospitalidade".

Na súa condición de vicepresidente da OMT, Candela asistiu tamén pola á asemblea de Estados membros da OMT, que reuniu aos representantes gobernamentais de 144 países.

A noticia coincide coa presenza de Turismo de Santiago un ano máis na maior feira turística mundial, a Internationale Tourism Börse da capital xermana, na que contactará cos máis importantes turoperadores mundiais de turismo cultural, relixioso e de congresos.

Compartir: