URBANISMO

A Comisión asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente as obras do muro do Pombal e da mellora da accesibilidade do Pazo de Xelmírez

22/09/2020 A Comisión asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a reforma do lindeiro leste do parque da Alameda (muro de contención da rúa do Pombal); a restauración das fontes da praza do Toural e da praza de Cervantes; e a mellora da accesibilidade do Pazo de Xelmírez na praza do Obradoiro.

Sobre as obras do muro da rúa Pombal, que conta cun orzamento de execución material de 419.305,38 euros, a Comisión asesora do Patrimonio Histórico sinala nas súas conclusións que é autorizable de acordo coa normativa de aplicación do "Plan Especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1)". Aínda así, establece as seguintes condicións:

- A intervención deberá executarse con fábrica de pedra de características similares ás do resto do muro (xisto ou granito silvestre de ton dourada).

- Terase en conta a intervención como unha prolongación do muro de peche da parcela libre lindeira e deberá executarse cun revestimento exterior de fábrica de cachotería de similares características.

- O novo cerramento ou peche de separación entre as parcelas privadas afectadas pola intervención e o espazo público deberá responder a un deseño único e respectuoso coa imaxe da contorna urbana.

- A fin de conservar a imaxe axardinada da zona, deberanse plantar novos exemplares de árbores autóctonas ou ben a reimplantacion dalgúns dos retirados, no caso de ser posible.

- Ao contemplarse escavacións, a intervención deberá ser favorablemente informada pola sección de Arqueoloxía Municipal.

A Comisión tamén informou favorablemente sobre as obras de mellora da accesibilidade do Pazo de Xelmirez na rúa do Arco do Arcebispo, que contan cun orzamento de execución material de 66.728,27 euros. Establece, iso si, varias condicions, entre elas que a nova varanda de ferro sexa igual á actual, e que a arqueta de formigón existente se substitúa por outra acabada en pedra. A intervención proxectada, que contempla a instalación de novas luminarias, afecta tamén á fachada do Pazo de Xelmírez, onde será preciso rebaixar a cota do limiar da porta de acceso ao interior da planta baixa, para o cal, como ten condición de BIC (Ben de Interese Cultural) sería preciso solicitar o informe favorable da dirección Xeral do Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia. Ao estar previstas escavacións, tamén deberá informar favorablemente a sección da Arqueloxía Municipal.

Tamén informaron favorablemente das obras de restauración das fontes públicas das prazas do Toural e Cervantes, que contan cun orzamento de execución material de 12.603,67 euros. A intervención supón a utilización de técnicas especializadas para a conservación e restauración de elementos escultóricos de pedra catalogados.

Outras intervencións das que se informou favorablemente na Comisión son a consolidación da cuberta e estrutura interior dunha vivenda na rúa Cruceiro do Gaio; o revestimento do zócalo da fachada do local social da Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro de Vista Alegre; a colocación provisional dunha cabina fotográfica na Praza do Obradoiro do 6 ao 15 de novembro; a instalación dun ascensor nun edificio de vivendas na rúa García Lorca, en Vite; ou a colocación dun rótulo na fachada dun local na rúa do Vilar.

Ademais de Mercedes Rosón, á Comisión asesora do Patrimonio Histórico asistiron o concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: