MEDIO AMBIENTE

O CEIP de Roxos acolleu o inicio da campaña de protección do medio ambiente organizada por Sogama

08/03/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou, xunto co presidente de Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, José Álvarez Díaz, a campaña educativa "Ti es a peza que falta. O futuro está nas nosas mans", orientada a fomentar a protección do entorno entre os escolares. A iniciativa está dirixida a todos os centros escolares de primaria das catro provincias galegas.

O colexio de Roxos-Villestro acolleu a presentación desta campaña, coa que se pretende concienciar á comunidade escolar da importancia que ten a participación de todos na protección e conservación do medio ambiente como fórmula para mellorar a calidade de vida e contribuír ao desenvolvemento sostible do entorno.

Baixo o título "Ti es a peza que falta. O futuro está nas nosas mans", esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer aos máis pequenos os problemas medioambientais que vivimos na actualidade e os riscos do futuro. Con este fin, daráselles traslado, a través de material didáctico específico, dun código de boas prácticas no uso prudente e racional dos recursos, que poderán adoptar dunha forma sinxela, asequible e sen apenas esforzo. Este código recolle pequenos xestos diarios que permitirán aforrar enerxía, auga e materias primas, ademais de proporcionar datos curiosos sobre a produción media de residuos, a reciclaxe e a contaminación que poden ocasionar materiais aparentemente tan inofensivos como as pilas botón.

No marco do Sexto Programa de Acción Comunitaria en materia de Medio Ambiente (2002-2012), a Sociedade Galega do Medio Ambiente e o Concello de Santiago consideran especialmente relevante o fomento da responsabilidade medioambiental nos escolares. Por iso, a través desta campaña, que arrinca na capital galega, informarase ao alumnado do papel fundamental que desempeñan na xestión ambiental como consumidores de bens e servizos con capacidade de elección, así como xeradores directos de contaminación e residuos no fogar, no transporte, nos espazos de ocio, etc.

Os 128.500 escolares atendidos nos 1.004 centros de primaria serán os destinatarios de carteis e dípticos informativos nos que se divulgan consellos e recomendacións sobre boas prácticas ambientais. No caso dos dípticos, os alumnos/as poderán recortar un cupón no que, xunto cos seus datos persoais, terán a oportunidade de deixar constancia do seu compromiso e a súa responsabilidade diaria coa protección e mellora do medio ambiente. Unha vez remitido por correo postal á sede social de Sogama, os rapaces/as participantes recibirán un agasallo co que se pretende premiar a súa axuda.

Compartir: