TURISMO

Os datos de ocupación de abril superan en máis dun 5 por cento os de 2004

12/05/2005 As estatísticas presentadas polo concelleiro de Turismo en rolda de prensa estabelecen en 5,45% o crecemento da ocupación media en hoteis de 3 a 5 estrelas sobre o mesmo mes de 2003, cun aumento de máis de 10 mil pernoctacións dun ano a outro.

Para a comparación dos dous anos, tomouse como punto de partida os datos dos hoteis de 3 a 5 estrelas, por canto as estatísticas recollidas en 2003 pola Asociación de Hostalería de Santiago non incluían aos hoteis de nivel inferior. Desta maneira, compróbase que a ocupación media de abril pasou do 47,64% de 2003 ao 50,24% de 2005, e que as noites de aloxamento subiron de 39.988 en 2003 a 50.103 en 2005.

Tendo en consideración que existen 560 novas prazas hoteleiras (un 20% máis que en 2003), as porcentaxes de crecemento son dun 5,45% para a ocupación media e dun 25% para as pernoctacións, a pesares que en 2005 a Semana Santa non coincidiu en abril, como foi o caso de 2003.

Outros datos veñen a corroborar esta tendencia de mellora das estatísticas turísticas en 2005. É o caso do aeroporto de Lavacolla, no que Turismo estima un movemento de 140 mil pasaxeiros en abril deste ano. Esta cifra representa un crecemento de 3% sobre o mesmo mes do Ano Santo 2004, cando coincidían a celebración do Ano Santo compostelán e a Semana Santa. A cifra acumulada desde xaneiro é duns 512.600 pasaxeiros, un 9% máis que nos catro primeiros meses de 2004. Isto permite seguir mantendo as expectativas de crecemento de Lavacolla nun 7% para todo o ano, cando haberá acumulado 1.700.000 viaxeiros.

Información turística: Sube o Reino Unido
Os datos acumulados de información turística fixan en 29.210 as consultas atendidas nas oficinas municipais de xaneiro a abril do 2005, un 8% máis que en 2003 e un 43% menos que durante o Xacobeo 2004.

En abril 2005, predominaron as consultas realizadas por turistas estranxeiros (49% do total) sobre as de turistas nacionais (30,6%) e cidadáns composteláns (20,1%). Entre os países de procedencia, Francia ocupa o primeiro lugar (21,4% das consultas de estranxeiros) seguido polo Reino Unido (17,6%), que despraza a Alemaña, Portugal e Italia aos postos 3, 4 e 5 do listado. O aumento do 65% na presencia de británicos en relación con abril de 2003 é en boa parte atribuíbel ao ótpimo funcionamento do voo diario de Ryanair entre Londres e Santiago desde o 11 de abril deste ano.

Datos da oficina de información do aeroporto

Neste sentido, a oficina aberta por Turismo de Santiago na terminal de chegadas de Ryanair en Lavacolla, para a atención dos turistas transportados desde Londres, arroxou algúns datos interesantes neste primeiro mes de operacións, no que se calcula que a liña de baixos custes moveu a máis de 9 mil turistas en ambos sentidos, cunha ocupación dos avións superior ao 70 por cento.

Así, por exemplo, a duración da estancia en Compostela adoita ser superior a 3 días, con moitos casos de 5 a 7. O destino final dos viaxeiros é en primeiro lugar Santiago, seguido por outras cidades galegas como Vigo ou A Coruña e, finalmente, por puntos de partida para iniciar o Camiño de Santiago.

Cabe destacar que a meirande parte dos viaxeiros de Ryanair xa traen unha reserva hoteleira para a súa estancia en Santiago, realizada normalmente desde a páxina web da liña aérea. Os aloxamentos preferidos -tanto destes turistas que xa reservaron, como dos que piden o listado de hoteis unha vez chegados á oficina de turismo do aeroporto- son os hoteis de 3 estrelas, e, en segundo lugar, o Parador dos Reis Católicos, que é o estabelecemento individual máis solicitado.

Dársena de autobuses e páxina web

A dársena de autobuses de Xoán XXIII, pola súa parte, recibiu o pasado mes 1.534 autobuses, un 124% máis que en abril 2003 e 24,6% menos que no 2004.

Outro indicador, a páxina web , totalizou 217.536 consultas durante abril, co que agora acumula 8.826.032 consultas desde a súa posta en marcha a finais de 2002. O 62% das consultas realizouse en castelán, o 22,3% en galego e o 15,7% en inglés. Agás da portada, a sección máis visitada é a axenda cultural da cidade (16,5% das consultas), seguida polos aloxamentos (12,5%).

Presentación do primeiro boletín turístico do ano

A rolda de prensa tamén serviu ao concelleiro de Turismo para presentar o boletín ‘Compostela Turística’ correspondente ao primeiro trimestre de 2005.

Con nova maquetación, a publicación recolle, entre outras informacións, os datos turísticos de xaneiro a marzo, os resultados da campaña de desestacionalización turística 2004-2005 e a intensa promoción nacional e internacional levada a cabo neses meses, con particular énfase nas feiras ITB de Berlín e Fitur.

Por outra parte, Candela destacou tamén a importancia do convenio que asinara o pasado luns como presidente do Spain Convention Bureau con Turespaña, representada no acto polo secretario xeral de Turismo, Raimon Martínez.

O acordo, que permitirá a promoción das 38 cidades españolas membro do SCB como destinos para o turismo de congresos, conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros para o ano 2005.

Esta partida dará cobertura non só á realización de xornadas, campañas de publicidade e fam-trips nos mercados prioritarios –Alemaña, Francia, Italia e Inglaterra-, senón tamén á edición do primeiro DVD promocional do grupo -ao que se asignan 120 mil euros- e á posta en marcha da súa web, á que se destinarán 36 mil euros.

Compartir: