MOBILIDADE

Recoñecemento aos medios de transporte máis sostibles

18/09/2020 Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, representantes do Concello de Santiago e da sociedade civil galega percorreron un mesmo itinerario da cidade con distintos medios de transporte para comparar a súa sostibilidade

Co motivo da Semana Europea da Mobilidade e no marco do programa de sensibilización Compostela + Solidaria impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD xunto ao Concello de Santiago, hoxe tivo lugar un roteiro para comparar a sostibilidade da bicicleta, o coche eléctrico o bus urbano e o desprazamento a pé. "O transporte é un dos maiores causantes do cambio climático", indicou Patricia Iglesias, representante de Amigos da Terra, unha das organizacións colaboradoras desta actividade.

Ás 18.50 da tarde o concelleiro de Mobilidade e representantes da Coordinadora Galega de ONGD, da cooperativa Nosa Enerxía e da Asociación Composcleta desprazáronse dende o Auditorio de Galicia ata a Praza Roxa co obxectivo de comprobar o consumo enerxético, as emisións de CO2, o aforro económico e a calidade de vida vinculada a cada medios de transporte.

Gonzalo Muíños, concelleiro de Mobilidade foi o encargado de facer o itinerario en bus urbano. Muíños lamentou non poder desenvolver a Semana Europea de Mobilidade como en anteriores edicións debido ás restricións pola COVID-19 e engadiu que "Compostela é unha cidade sostible na que se pode optar por distintos medios de locomoción".

Carlos Noya, socio de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, utilizou un coche eléctrico compartido "unha alternativa moi interesante para a redución de emisións contaminantes e de ruído, sobre todo nun país altamente produtor de enerxías renovables como o noso". Falou tamén da necesidade de que o Concello de Santiago aumente a promoción das formas sustentables de desprazamento.

Manuel Salgado, da Asociación Cívica Composcleta, percorreu o itinerario en bicicleta xunto a un grupo de persoas socias. Fixo un chamamento para que o Concello aposte por unha mobilidade accesible para todas as persoas e siga colaborando con Composcleta para ampliar os carrís bici da cidade.

Alejandro Quiñoá, presidente da Coordinadora Galega de ONGD, fixo o percorrido a pé e sinalou a importancia de organizar actividades como o roteiro no que institucións e colectivos da cidade colaboren para promover a mobilidade sustentable como ferramenta contra o cambio climático.

Podio para os desprazamentos máis sostible
Ao chegar a Praza Roxa, onde se estaba a desenvolver a Feira de Alternativas contra a Emerxencia Climática, fíxose unha entrega de premios simbólica aos medios de desprazamento máis sostibles. Tendo en conta o consumo enerxético, as emisións de CO2, o aforro económico, o tempo invertido e a calidade de vida: o primeiro posto para a bicicleta; o segundo para o coche eléctrico; o terceiro para o desprazamento a pé e o cuarto para o bus urbano.

Datos de cada medios de transporte
- Bicicleta: 10 minutos de traxecto, custo económico 0€, ningunha emisión de CO2 e 100 calorías de consumo enerxético (equivalente a un prato de pasta).
- Coche eléctrico: 10 minutos de traxecto, custo económico 0,017€, sen emisións de CO2 (recarga feita con enerxía renovable).
- A pé: 24 minutos de traxecto, custo económico 0€, ningunha emisión de CO2 e 120 calorías de consumo enerxético (equivalente a un prato de pasta).
- Bus urbano: 24 minutos de traxecto (15 minutos na Liña 15 e 9 minutos dende a Praza de Galicia a pé ata a Praza Roxa), custo económico 1€ (billete sinxelo), e emisións de CO2: 8 litros os 100Km

Compartir: