PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha exposición abre o calendario de actividades de "Marzo, mes do comercio"

08/03/2007 Coa inauguración da exposición "Historia do comercio en Compostela" arranca o programa Marzo, mes do comercio. A mostra poderá verse ata o 9 de abril na Fundación Torrente Ballester.

A exposición estrutúrase en seis seccións e está composta por imaxes, publicidade, obxectos relacionados coa actividade comercial e paneis explicativos. Duante os días que permaneza aberta difundiráse un vídeo e levaranse a cabo tertulias. Nos dous casos os protagonistas serán prestixiosos comerciantes que contan cunha traxectoria profesional recoñecida dentro do sector comercial.

Como indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, a mostra parte de dous conceptos básicos: a importancia do comercio na vida e na historia de Santiago e a súa contribución ao deseño económico e social da cidade; e o comercio como historia viva, con pasado, presente e futuro.

A exposición, organizada pola empresa De Historia e montada por Artefacto Cultural estrutúrase en seis seccións, das que falou a comisaria da exposición, Mercedes Vázquez. A primeira, denominada "O comercio: historia viva", describe a importancia do sector na configuración económica e social da cidade. A segunda parte ocúpase dos seus protagonistas, as xentes e a profesión mercantil; mentres que terceira céntrase no abastecemento, unha función social e económica do comercio fundamental para o desenvolvemento persoal e cultural dos cidadáns.

"Fabricar para vender" é o lema que identifica a cuarta sección, na que se destaca a importancia dos establecementos que tiñan obradoiros propios onde fabricaban as súas mercancías. Outra das partes, "Un escaparate ao mundo", amosa os escaparates e os mostradores das tendas, que foron o primeiro lugar onde moitos composteláns coñeceron o progreso. O comercio foi un poderoso instrumento de innovación e modernización. Finalmente, a exposición péchase cun apartado dedicado á reponsabilidade social dos comerciantes como dinamizadores de entidades e institucións que contribuiron a construír a cidade que hoxe coñecemos.

Con "Historia do comercio en Compostela" colaboraron uns corenta estabelecementos, o Arquivo Histórico Universitario, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Caixa Galicia, a Cámara de Comercio de Santiago, a Real Sociedade Económica de Amigos del País, a Cociña Económica, o Círculo Mercantil e Industrial, a Unión de Artesanos, o Colexio La Inmaculada, e diversos coleccionistas particulares. A maioría dos obxectos expostos datan de finais do século XIX e principios do século XX.

Compartir: