ACCIÓN CULTURAL

O Festival de poesía Alguén que respira! reunirá a máis de corenta artistas do 19 ao 21 de setembro

17/09/2020 O acontecemento da poesía que cada ano acolle o Teatro Principal de Santiago de Compostela, reunirá a máis de corenta artistas desde o 19 ao 21 de setembro, cun programa que este ano aposta por visibilizar a cultura. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o festival en rolda de prensa xunto co director do mesmo, Antón Lopo, que coordina un equipo formado por Manuel Martínez no deseño, Baltasar Patiño na iluminación, Cecilia Carballido na produción, Iris Cochón na coordinación literaria e Alexandre Fernández Peón en comunicación.

Ao longo de tres días, algunhas das máis singulares voces da poesía actual recitarán os seus versos xunto coa exhibición de experiencias únicas onde se funde a inspiración poética con latitudes creativas como a performance, a música, o teatro ou o audiovisual.

"Desde a Concellería de Acción Cultural estamos felices de ver como nesta programación que presentamos hoxe teñen tanta presenza as voces novas da poesía galega. É grazas a estes poetas novos e novas que a poesía segue a ser o xénero literario por excelencia en Galicia, e que goza dun público numeroso, como puidemos comprobar este verán nos recitais programados no marco do Festival C no paseo da Ferradura", salientou Mercedes Rosón, que recalcou que "Alguén que respira existe para poder fornecer á programación cultural compostelá dun espazo no que achegarse ás voces novas e consolidadas da poesía galega, pero tamén para abrir fiestras. Nesta edición, o festival proponnos olladas ao que se está a facer fóra, noutras latitudes, nesta edición coa presenza especial da poesía catalá. E tamén ofrece olladas ao diálogo da literatura con outras artes, como é o caso da performance. Van ser tres días moi intensos, nos que coidaremos da seguridade de todos e todas, como non podería ser doutro xeito e como non deixaremos de facer mentres estea vixente esta alerta sanitaria".

A terceira edición do Alguén que respira! chega cargada de emocións e acontecementos, pero tamén de retos e compromisos. Durante tres días e cun programa de recitais excepcionais, o festival busca o máis difícil: romper as barreiras entre público e poetas nunha época de distancias físicas. Fronte aos límites impostos nas relacións sociais pola emerxencia sanitaria, o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, Vós escribides o poema, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora a necesidade de afianzar o compromiso do público coa cultura. Os protocolos contra a pandemia do covid-19 establecen aforos reducidos e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e ao público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dunha programación marcada pola sorpresa, as propostas máis arriscadas e a fisicidade, signos singulares dun programa único en Galicia.

"A responsabilidade é grande para a organización e baixo este principio articulouse o respira! baixo as máis estritas medidas de seguridade", salientou Antón Lopo. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros de seguridade máis esixentes. "Tan importante é garantir a protección de participantes e público como visibilizar os encontros culturais nun momento tan sombrío para a cultura como o actual".

Houbo cambios respecto do programa previsto en marzo, cando o festival se aprazou polo decreto de alarma. Algúns cambios son significativos, como a suspensión do apartado out, que ía celebrarse en distintos espazos de ocio nocturno da cidade. Así, por vez primeira non haberá o slam do respira!. Pero tamén hai suxestivas novidades, como o recital de Lupe Gómez – que leva xa anos sen ler os seus poemas en público– ou a presenza de Ada Salas, unha das poetas que contribuíron a ensanchar os códigos líricos da chamada poesía do silencio.

A elaboración dun programa propio foi un dos sinais de identidade do Alguén que respira! nas primeiras convocatorias e nesa liña, este ano programouse unha ambiciosa rede de propostas realizadas para o Teatro Principal, ademais doutros espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia, como é o caso da peza de Miguel Azguime con Salt itinery. Poetas, instrumentistas, compositores e compositoras, actores, performers ou videocreadoras ofrécennos os seus traballos de hibridación artística, indagando en linguaxes propias e alleas, arriscándose coa palabra ou co silencio, co ruído ou coa voz, pero sempre en contacto coa indicible condición de asombro e estrañeza que contén a poesía.

Programa
O programa inclúe o sábado 19, a partir das 21 horas, unha homenaxe á recentemente falecida Luz Pozo Garza, poeta que escribiu o manifesto deste ano. Ademais da lectura do texto –que realizará Nieves Neira–, proxectarase Luzazul, gravación reeditada especialmente para o festival de distintos vídeos da poeta con produción do propio festival e montaxe de Margarita Morello.

Pouco despois terá lugar o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas. Ese mesmo 19, pero pola mañá, a partir das 12:30, está prevista unha sesión de regueifa con algúns e algunhas das regueifeiras con maior pericia do país, Lupe Blanco, Josiño da Teixeira, Olalla da Prica e Manolo de Burela.

Pola tarde e antes do recital inaugural, preséntase unha proposta singular, proxectada para o festival e realizada polo seu equipo artístico. Na dirección Antón Lopo e Baltasar Patiño na iluminación. A documentación foi de Séchu Sende e o espazo sonoro un deseño de Ana Romaní e Chus Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios. Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel. Charo Lopez, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio List e Millán Fernández son os performers que nos achegan os seus corpos para a particular lectura.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín que supón o seu regreso á linguaxe poética. A esta peza, que poderá verse o venres ás oito da tarde, súmase a homenaxe que o festival lle rende ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, Fran Cortegoso, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderán escoitarse e verse a case cincuenta poetas, algunhas delas inéditas en Galicia. A poesía en catalán terá unha sesión específica o domingo día 20 pola mañá con André Targa, Pol Guasch e Pau Vadell.

Entre os nomes incluídos no programa, figuran ademais Lara López, María Lado, Rafa Lobelle, Carlos Quiroga, David Trashumante, O Leo ou Rosalía Fernández Rial.

Entradas
As entradas poden reservarse na billetería do propio Teatro Principal ou na web de Compostela Cultura, con adecuación no aforo ás normas do protocolo de prevención da covid-19.

Documentos relacionados



Compartir: