POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago anima a cidadanía a combater o discurso do odio agravado pola pandemia

16/09/2020 A Coordinadra Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) idearon a campaña "Protéxete contra o racismo" que hoxe se espalla pola cidade.

O Concello de Santiago anima a cidadanía a combater o discurso do odio agravado pola pandemia coa campaña "Protéxete contra o racismo", que hoxe se espalla pola cidade. "Ningunha raza ou cultura é responsable da Covid e ningunha etnia cumpre máis nin mellor as normas sanitarias", di a cartelería ideada pola Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso).

O 8 de maio de 2020, o Secretario Xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres, dixo que "a pandemia segue desatando unha onda de odio e xenofobia, buscando chivos expiatorios e fomentando o medo" e instou os gobernos a "actuar agora para fortalecer a inmunidade das nosas sociedades contra o virus do odio".

Os ataques contra as persoas de ascendencia asiática propagáronse en todo o mundo no comezo da pandemia e, máis tarde, os medios e as redes sociais espallaron en Galicia e no conxunto do Estado falsos rumores sobre a suposta maior expansión do virus entre a poboación xitana ou en bares "de ambiente latino".

O Consello pola Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica denunciou este "tratamento mediático racista, antixitano e xenófobo por parte dalgúns medios de comunicación" con noticias sobre "a orixe da propagación da enfermidade ou supostos incumprimentos da corentena que aluden á orixe étnica, racial ou nacional das persoas implicadas".

A campaña "Protéxte contra o racismo" recórdalle á cidadanía de Compostela que os prexuízos culturais e raciais son mentira e acaban volvéndose contra todos e todas nós. "É responsabilidade de todas e cada unha de nós loitar contra os bulos racistas", conclúe esta campaña da Unidade de Atención ás Migracións do Concello de Santiago de Compostela, organizada pola Coordinadora de ONGD coa colaboración de Agareso.

Esta campaña forma parte da V edición do Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización e divulgación da Coordinadora Galega de ONGD que comezou o 14 de setembro e se extendrá ata o 5 de outubro en distintos espazos de Santiago: a praza Roxa, os comercios da cidade e a sala de cinema Numax, onde terá lugar un cinefórum contra os discursos de odio. As proxeccións serán os luns 14, 21 e 28 de setembro e o 5 de outubro e as sesións serán abertas e de balde. Tedes máis información sobre o contido do programa aquí.

Compartir: