ALCALDÍA

O alcalde felicita os equipos directivos dos colexios públicos de Santiago polo "traballo extraordinario", que permitiu iniciar o curso escolar sen incidencias

11/09/2020 Sánchez Bugallo fixo extensivo este agradecemento aos departamentos municipais implicados, ás empresas concesionarias e ás contratas, porque nas condicións marcadas pola COVID conseguiuse que "o 100% dos servizos estivesen atendidos en tempo e forma", o que supón, en palabras do rexedor "unha capacidade e unha profesionalidade extraordinaria".

No inicio de curso "máis complexo de toda a historia moderna", o alcalde amosou a súa satisfacción polo feito de que todos os servizos que dependían do Concello estivesen listos: "nas circunstancias actuais é extraordinario poder dicir isto". O rexedor salientou que todas as instalacións estaban listas e desinfectadas segundo os protocolos marcados; as obras estaban rematadas ou en execución (aquelas que se comprometeron o día 7 de setembro); e os servizos de comedores e de madrugadores funcionarion sen incidencias.
No que respecta ao programa de madrugadores, na xornada de onte estivo operativo en todos os centros, aínda que "apareceron poucos nenos". De feito, nun dos centros "había dous monitores para un só neno". Esta mañá, a afluencia xa era do 90%.

En canto aos comedores escolares, dos 215 menús previstos para onte só se serviron 78: 3 no Apóstolo Santiago; 6 en Roxos, no Raíña Fabiola e no Monte dos Postes; 0 en Vite; 12 en Fontiñas; 5 no Rodríguez Xixirei; 17 no Ramón Cabanillas; e 23 no Quiroga Palacios. Para hoxe a previsión é que asistan 335 nenos e nenas, que "por suposto terán garantido o servizo".

O alcalde incidiu en que "nos 9 comedores que xestiona o Concello" o servizo funcionou en "perfectas condicións". Reiterou novamente o agradecemento á empresa e aos servizos municipais implicados, que estiveron traballando ata última hora do mércores para montar todos os comedores e elaborando o decreto que regula o funcionamento dos mesmos e que adapta as instrucións da Xunta dictadas o 31 de agosto. "É un decreto que ten un único obxectivo: garantir o dereito de comedor de quen máis o precisa, para protexer aos nenos e nenas e ás familias e cumprindo coas condicións de seguridade" que se derivan das normas autonómicas, e tendo tamén en conta "as indicacións dos centros educativos".

A este respecto, dos 9 centros cuxa xestión asume o Concello, ningún ten comedor específico, polo que é preciso adaptar algún espazo tendo en conta que é preciso priorizar o carácter lectivo e ese uso non é compatible co de comedor nunha mesma aula. "Temos que empregar os espazos que nos indican os centros" e nalgúns casos, pode haber problema de espazo. Non obstante, o rexedor lembrou que "está preparado o dobre turno" en todos os colexios, aínda que de momento, pola demanda existente, só sería preciso no Raíña Fabiola. "A día de hoxe, todo o servizo está cuberto con exceso de oferta sobre demanda", salientou Sánchez Bugallo.

Resolución das bolsas de comedor
Tamén agradeceu o alcalde o traballo do departamento de Políticas Sociais, que resolveu de forma provisonal a concesión de bolsas de comedor. Aínda que o prazo para presentar a documentación requirida remata o día 30, "demos por válido que se cumpren os requisitos presentados na declaración responsable". Das 620 solicitudes aprobadas, 197 son para os comedores municipais (107 por falta de recursos económicos e 31 por conciliación); 101 corresponden a comedores xestionados polas ANPAS ou pola Xunta; e 322 a centros concertados.

Compartir: