TURISMO

Sindo Guinarte sinala que Santiago é onde se pode comer e mercar o mellor marisco de Galicia

09/09/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, afirmou que en Santiago de Compostela é onde se pode comer e mercar o "mellor marisco de Galicia". Un produto que se pode comprar, con toda a frescura e garantías sanitarias na Praza de Abastos, o segundo lugar máis visitado da cidade. Asegurouno na presentación da campaña "Marisco da Illa. Tradición Saudable, impulsada pola Organización de Produtores de Mariscos e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20).

Unha campaña que se presentou na Cidade da Cultura, un espazo que segundo sinalou Guinarte lle parece moi acaido para esta iniciativa, porque "a gastronomía é cultura. É un elemento central da nosa oferta turística", vinculado, continou, ao noso patrimonio e a unha cidade "na que se pode contemplar o mellor patrimonio de Galicia e degustar os mellores produtos culinarios".

Na presentación da campaña tamén estiveron presentes a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias; a deputada provincial por Pontevedra, Iria Lamas; e o presidente da OPP20, Juan José Rial Millán.

Campaña
Marisco da Illa. Tradición Saudable é unha campaña de divulgación impulsada pola OPP-20 que anima ao consumo de marisco de calidade, en concreto de ameixa rubia, ameixa babosa e camarón, que son as especies que supoñen un importante activo económico para o colectivo de marisqueo a frote e a pé da Illa de Arousa. Tamén fai fincapé na tradición e historia do oficio do marisqueo e da pesca e nos beneficios que ten para a saúde o consumo de produtos do mar.

Con ese obxectivo inclúe entre as súas accións a elaboración dun receitario de cociña das tres especies obxecto de promoción. Esta acción desenvólvese no marco do plan de produción e comercialización da OPP-20, unha ferramenta coa que estas organizacións axudan a impulsar o desenvolvemento das vilas costeiras de Galicia e a mellora da economía da súa contorna.

Compartir: